O Breogán ofrece a continuidade a catro xogadores

O proxecto 2020-2021 empeza a tomar forma
Salva Arco. AEP
photo_camera Salva Arco. AEP

O proxecto deportivo do Breogán 2020-2021 empeza a moverse. O club lucense realizou catro ofertas de renovación das que se espera ter noticias a partir da semana que vén. Os xogadores aos que se lles ofreceu a continuidade son Roope Ahonen, Salva Arco, Marshawn Powell e Mo Soluade.

Este último solicitou ao club aprazar a súa contestación durante uns días en espera de poder escoitar outras ofertas. O club lucense concedeulle ata o final da próxima semana. A partir de aí o xogador británico terá que dar unha contestación se quere continuar no Breogán. A renovación de Soluade non contempla en ningún caso a posibilidade de dispor dunha cláusula de saída para un equipo da ACB. O director xeral do Breogán, Tito Díaz, mostrouse taxativo sobre esta posibilidade. "Se asina co Breogán será por toda a tempada, aquí non vai haber cláusulas de saída que poidan entorpecer o noso proxecto", dixo.

De todos os xeitos, as renovacións que a priori se presentan máis complicadas coas de Roope Ahonen e Marshawn Powell, en ambos os casos polas súas pretensións económicas.

As negociacións co estadounidense serán complicadas. é un xogador cunha traxectoria notable en Europa, sobre todo no baloncesto italiano, e a súa boa campaña no Breogán pódelle abrir as portas de primeiras ligas europeas. De todos os xeitos, os técnicos breoganistas consideran a Powell unha peza básica para o novo proxecto e, por iso, desde o club lucense realizarase un esforzo económico para poder seguir contando con el a próxima campaña.

É distinta a situación de Ahonen. Aínda recuperándose da súa lesión de xeonllo e logo dunha tempada na que a súa participación, por mor de distintas molestias físicas, foi moito menor do esperado, non parece probable que desde o club se considere unha renovación fundamental e, polo tanto, non cabe esperar que desde o club se vaia realizar unha oferta significativamente inferior á que tivo na tempada pasada.

Con respecto a Salva Arco, non se esperan problemas para que o á catalán continúe en Lugo. Incluso desde a entidade breoganista veríase con bos ollos que a continuidade de Arco, por todo o que representa, fóra a primeira en anunciarse.

Nestes momentos, o Breogán dispón de tres xogadores con contrato en vigor: os lucenses Sergi Quintela e Mateo Sánchez -este acabou a tempada cedido no Marín- e o congoleño Hervé Kabasele, que acabou o ano en Estados Unidos.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios