martes. 22.10.2019 |
El tiempo
martes. 22.10.2019
El tiempo

O Breogán, sen débedas con xogadores da pasada Liga

Henk Norel, no Breogán-Fuenlabrada da pasada campaña. SEBAS SENANDE
Henk Norel, no Breogán-Fuenlabrada da pasada campaña. SEBAS SENANDE
Norel, Redivo e Sulejmanovic presentaron reclamación na ACB ao atrasarse o último pago

O Breogán non ten pendente, practicamente, ningunha débeda con xogadores e técnicos da pasada tempada. "Todos os pagos que dependen do club están feitos. Só quedan por ingresar doce días a un xogador e trece a outro, ao redor de tres mil euros, que se lles farán efectivos durante esta semana", sinalaron na tarde deste martes desde a entidade breoganista.

A referencia aos "que dependen do club" débese a que tres xogadores —Henk Norel, Lucio Redivo e Emir Sulejmanovic— recibirán o último pago a través da ACB logo de presentar a correspondente reclamación por falta de pagamento.

Ao termo da pasada tempada, o Breogán —con problemas de liquidez— solicitou a técnicos e xogadores unha demora —parece ser que ata mediados de xullo— para os pagos pendentes, xa que a entidade estaba á espera de recibir por parte da ACB a devolución da cantidade ingresada no momento do ascenso correspondente ao valor de participación —que se recupera ao descender de categoría—, así como a parte que debía percibir polos dereitos de televisión e outros conceptos.

A estas alturas os únicos que non cobraron cantidades da tempada pasada son os que reclamaron á liga ACB

Todos os xogadores que formaron parte do club durante a pasada tempada entendérono e aceptaron a demora solicitada sen maior problema fóra dos tres nomeados anteriormente.

Os xogadores da liga Endesa teñen de prazo para reclamar as cantidades pendentes da última tempada finalizada ata o 30 de setembro, por iso pode sorprender a celeridade —se cadra propiciado por falta de confianza na entidade ou instados polas súas axencias— coa que se presentaron as reclamacións, durante o mes de xullo. Aínda que hai que dicir que os xogadores estaban en todo o seu dereito para poder facelo e defender os seus intereses.

En calquera caso, isto non causou graves problemas na entidade lucense máis aló de alargar un tempo os problemas de liquidez. Ao recibir unha reclamación, a ACB adoita reter (do montante destinado ao club en cuestión) as cantidades necesarias para responder no caso de que, antes do prazo, producísense novas reclamacións.

Unha vez que o club lucense xa cumpriu co pactado co persoal, á marxe a excepción antes comentada, a asociación de clubs liberará a cantidade que debe de percibir o Breogán menos o que se lle debe a Norel, Redivo e Sulejmanovic, que polo menos en dous casos, trataríase dunha mensualidade.

Curiosamente, a estas alturas os únicos que non cobraron cantidades da tempada pasada son os que reclamaron á liga ACB. Deben de esperar, polo menos, a que finalice o prazo de reclamación.

O Breogán, sen débedas con xogadores da pasada Liga
Comentarios