O Breogán ata ao máis valorado da liga ACB

O pivote holandés Henk Norel xogará a próximas tempada no conxunto lucense

LUGO. O xogador máis valorado da última edición da liga ACB: Henk Norel, xogará as próximas campañas, polo menos as dúas próximas, no CB Breogán. O acordo entre o xogador e o club lucense é practicamente total e de feito o pivote holandés (29 anos e 2,12 metros de estatura) xa se atopaba onte en Lugo buscando vivenda e pechando os flocos da súa incorporación.

A chegada de Norel ao Breogán foi, ata certo punto, sorpresiva, porque o xogador tiña contrato en vigor co Gipuzkoa, aínda que unha cláusula, da que fixo uso, de 30.000 euros permitiu a súa saída. Norel foi unha das pezas básicas do Gipuzkoa na pasada tempada, na que o conxunto donostiarra logrou, no ano do seu retorno, a permanencia con certa folgura.

O que será novo xogador do Breogán brillou en varios apartados estatísticos. Como está dito, foi o xogador con máis valoración da ACB cunha media de 19,5 créditos, dúas décimas máis que Luka Doncic, segundo neste apartado. Ademais Norel foi o mellor reboteador ofensivo da competición, con 3,15 por encontro, e o segundo na clasificación de rebotes totais con 6,73 de media, moi preto de Deon Thomas (Burgos) que acreditou unha media de 6,74 rebotes por encontro.

Norel foi tamén o cuarto xogador da ACB en faltas recibidas e o xogador con máis canastras de dúas anotadas por encontro. O pivote holandés foi incluído no mellor quinteto da liga (que se establece pola votación de afeccionados, medios de comunicación, xogadores e adestradores da liga ACV) xunto con Luka Doncic, Gary Neal, Sylven Landesberg e Tornike Shengelia.

Henk Norel chegou ao baloncesto español na tempada 2005-06 para integrarse no Joventut, aínda que esa primeira tempada xogou en calidade de cedido no Prat. A campaña 2006-07 é a do seu debut na ACB coa Penya, aínda que na tempada seguinte volve ser cedido, neste caso ao Lucentum Alacante de LEB Ouro, equipo co que disputa a final a catro en Cáceres. As catro seguintes tempadas forma parte do primeiro equipo do Joventut do que se desvincula na tempada 2012-13 para xogar no Zaragoza durante as seguintes cinco campañas. A liga pasada xogouna no Gipuzkoa, co que promedió 13,8 puntos e 6,7 rebotes.

Dos 26 encontros disputados co conxunto vasco en máis da metade, en 14, Norel superou os 20 créditos de valoración, sendo 36 puntos, ante o Betis, a súa marca da tempada.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios