Borja Gómez, suspendido por dous partidos

O defensa do CD Lugo Borja Gómez, expulsado no partido do pasado domingo, foi suspendido por dous partidos polo Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol (RFEF).

O defensor foi expulsado no minuto 23 do choque que o equipo branquivermello perdeu en Alcorcón. Nese mesmo encontro tamén foi expulsado, neste caso por ver dous cartóns amarelos, Manu. A este último, o Comité de Competición impúxolle, na súa reunión deste mércores, unha suspensión por un partido.

As dúas sancións poderían permitir o retorno ao equipo do defensa Víctor Marco, protagonista da rolda de prensa branquivermella deste mércores. O lateral esquerdo, que volveu competir o pasado domingo ante o Alcorcón logo dun longo período de baixa por unha tendinite, indicou que se atopa "ben e con moitas ganas de axudar ao equipo".

"Se hai opción de poder xogar, estarei encantado", dixo o futbolista valenciano respecto da posibilidade de saír no Lugo-Tenerife deste domingo, correspondente á décimo quinta xornada da liga Adiante. Marco apuntou que non se fía da mala serie coa que chega o Tenerife ao Ángel Carro. "Vén de tres partidos sen gañar, non vén nunha boa serie, pero en Segunda División, os refachos poden cambiar en calquera momento", comentou. "é un rival complicado, como todos os de Segunda", engadiu.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios