viernes. 03.12.2021 |
El tiempo
viernes. 03.12.2021
El tiempo

Aumenta a esixencia para o Río Breogán

undefined
Bell-Haynes, ante un xogador do Bilbao. A NOVA ESPAÑA
O equipo lucense disputa este sábado contra a Valencia, semifinalista na pasada Liga Endesa, o prestixioso Memorial Quino Salvo

O Río Breogán afronta na tarde de este sábado (20:00 horas) no pavillón de As Travesas, en Vigo, o seu terceiro encontro de preparación. Neste caso correspóndese coa disputa da quinta edición do Memorial Quino Salvo, no que o conxunto lucense participa por primeira vez, e no que terá como rival a un dos equipos máis fortes da liga Endesa, o Valencia Básquet.

Os organizadores do evento, nada máis coñecerse o ascenso do conxunto breoganista non dubidaron en intentar contar coa súa presenza nesta edición do Memorial. Así o explica o presidente da asociación memorial Quino Salvo, Moncho Lago: "O certo é que queriamos dispor dos dous equipos galegos da liga ACB pero o Obradoiro comunicounos que tiña problema de datas. O Breogán, pola súa banda, mostrou sempre interese en vir. O equipo lucense xa demostrou na Copa Galicia que é un equipo solvente e enfróntase coa Valencia, que é un equipazo. Salvo estaría súper feliz con este partido". Moncho Lago entende que se completará todo o aforamento dispoñible —"quedan menos de cen entradas para a venda", dixo onte—.

Tanto Breogán como Valencia chegan a este encontro logo de vencer nos dous partidos que disputaron ata o momento. Os lucenses gañaron ao Bilbao (88-57) e ao Obradoiro (82-76) mentres que os xogadores do equipo laranxa impuxéronse ao Zaragoza (88-73) e ao Manresa (88-81).

Para o conxunto valenciano o deste sábado será penúltimo partido de preparación (o martes xoga ante a Gran Canaria o seu partido de presentación) antes do inicio da tempada oficial, que para el está fixado para o próximo fin de semana coa disputa da Supercopa, na que tamén participarán Barcelona, Real Madrid e Tenerife.

POTENTE RIVAL. O conxunto valenciano mantén o bloque do equipo que a pasada tempada finalizou na cuarta posición da liga pero engadindo importantes incorporacións, como as de Neno Dimitrijevic e Xabi López-Aróstegui, ambos os procendentes do Joventut; a de Víctor Claver, que chega desde o FC Barcelona; e a do pivote cubano Jasiel Rivero, que procede, do mesmo xeito que o técnico, Joan Peñarroya, do San Pablo Burgos.

Para o encontro deste sábado, e segundo informou o club valenciano, Peñarroya contará cos mesmos xogadores que se enfrontaron o pasado martes ante o Manresa. é dicir, non estarán Dimitrijevic, López Aróstegui nin os internacionais eslovenos Mike Tobey e Klemon Prepelic, todos eles en fase de recuperación por mor de distintas molestias físicas.

No Río Breogán, a dúbida represéntaa a base Trae Bell-Haynes, que por razóns do visado tivo que viaxar a Canadá. polo que non se adestrou durante toda a semana. O xogador tiña previsto chegar a Lugo esta madrugada e, polo tanto, se fisicamente está en condicións podería xogar esta tarde.

Paco Olmos, técnico breoganista, recalcou que o deste sábado "é un novo partido de pretemporada" aínda que "coa esixencia máxima ante unha Valencia que é candidato a loitar por gañar a liga Endesa e a Eurocup". "Faranos ver en que situación estamos", engadiu Olmos.

Aumenta a esixencia para o Río Breogán
comentarios