Arrinca a Volta ás Comarcas de Lugo

Un total de 176 ciclistas non profesionais participan nunha proba que percorrerá a provincia en tres etapas

A Volta ás Comarcas de Lugo 2017, a única proba cicloturista por etapas que se organiza en Galicia, arrincou este veenres na Praza Maior de Lugo, cun total de 176 participantes dispostos a completar unha primeira etapa de 86,8 quilómetros entre a capital lucense e o municipio da Pontenova.

A volta desenvolverase durante todo o fin de semana en tres etapas, que pasarán por trece municipios da provincia: Lugo, Castro de Rei, A Pastoriza, Riotorto, A Pontenova, Meira, Ribeira de Piquín, A Fonsagrada, O Cádavo, Castroverde, O Corgo, Láncara e Guntín.

Entre os participantes, hai ciclistas procedentes de toda Galicia e incluso de lugares tan dispares como Eivissa, Barcelona, León, O Bierzo, Asturias, País Vasco, Segovia, Madrid, Valencia ou Cáceres.

A Deputación de Lugo colabora coa organización desta marcha cicloturista con 65.000 euros, aínda que o goberno provincial calcula que o retorno económico directo para a provincia sitúase en 100.000 euros, sen esquecer o feito de que o propio evento servirá para "dar a coñecer a riqueza paisaxística dos 13 municipios polos que pasa o percorrido".

O presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos, e a alcaldesa da capital lucense, Lara Méndez, asistiron esta mañá á saída da etapa.

En declaracións aos medios de comunicación, Lara Méndez destacou que o apoio a este tipo de probas significa "seguir potenciando o deporte de base", un aspecto "fundamental para o Concello de Lugo", porque afecciona á xente "nunha actividade que é boa para o corpo e para a mente", pero tamén porque inculca "valores" positivos a "a nenos e nenas que capitanearán o futuro da cidade".

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios