Diego Alende: "O equipo confía no adestrador e ímolo a demostrar en Mallorca"

O defensa cre que os bos resultados chegarán porque o equipo e o técnico van ir "da man"
Diego Alende, durante un partido. XESÚS PONTE
photo_camera Diego Alende, durante un partido. XESÚS PONTE

Diego Alende, defensa do CD Lugo, expresou a súa confianza no adestrador do equipo, Luís César Sampedro, que leva seis partidos no banco e non coñece a vitoria, e asegurou que os futbolistas así llo van a "demostrar" no terreo de xogo.

"O novo adestrador aínda leva pouco, non é fácil chegar e ter tantos partidos en tan pouco tempo, o equipo confía nel e así llo imos a demostrar en Mallorca. Imos saír a por todas, a cumprir o que nos diga e, a partir de aí, indo da man equipo e adestrador, imos conseguir bos resultados", manifestou nunha rolda de prensa telemática.

O central, que tamén pode actuar de lateral, admitiu que a "mala dinámica de resultados" na que se atopan, con once partidos sen gañar, aféctalles, pero advertiu de que non están "en descenso", posicións que teñen a dous puntos.

"Todos sabemos que equipo é o Mallorca, que está feito para estar en Primeira División"

"Hai equipos que están moito peor que nós, que lles gustaría estar como nós. O que pasou, pasou. Agora, hai que buscar os tres puntos e seguro que con iso o pensamento e a actitude vai ser outra", sinalou.

O Lugo pretende reaccionar no campo do segundo clasificado de LaLiga SmartBank, o Mallorca, o vindeiro domingo (18.15).

"Todos sabemos que equipo é o Mallorca, que está feito para estar en Primeira División, con grandísimos xogadores, e nós temos que facer un traballo moi serio defensivamente, non conceder ocasións porque, con nada, pódenche facer gol, e saber aproveitar as nosas opcións", razoou.

Alende recordoulle aos que "son pesimistas" respecto da situación do Lugo que "só hai que ver o que fixo o ano pasado" o conxunto galego, que se salvou do descenso cun gran final de tempada.

"Conseguiuse algo histórico, os xogadores demostraron estar a matar co equipo e, se o ano pasado fíxose iso, este ano non vai ser menos", advertiu o futbolista cedido polo Valladolid.

Comentarios