Albés: "Non podo negar que estamos ben"

O adestrador do Club Deportivo Lugo recoñeceu que o seu "mellor momento" á fronte do equipo foi a "salvación", pero que agora tamén atravesan un bo estado anímico e futbolístico
Rubén Albés, antes de comenzar el duelo ante el Ibiza. XESÚS PONTE
photo_camera Rubén Albés, antes de comenzar el duelo ante el Ibiza. XESÚS PONTE

O adestrador do Club Deportivo Lugo, Rubén Albés, asegurou esta mañá en rolda de prensa que "estou tranquilo" ante os bos resultados que cultivou o equipo nas últimas oito xornadas, nas que non coñeceu a derrota, "pero hai que valorar ao final de tempada". O vigués asegurou que "temos identidade, conseguimos resultados e aínda que o meu mellor momento foi a salvación, non podo negar que estamos ben".

Sobre o seu próximo rival, o Xirona (este domingo, 18.15 horas) o técnico branquivermello recoñeceu que nos obrigará a unha esixencia máxima, é un bloque de calidade en todos os aspectos, un equipo estrela nestes momentos, pero traballamos na nosa liña e seguiremos convencidos diso", apuntou. 

Sobre a súa formulación lonxe do Ángel Carro, Albés sinalou que o equipo "intenta variar o menos posible as súas intencións, non diferenciarnos demasiado do noso rol en casa ou fóra" e que agora mesmo "intentamos recuperar á xente, no aspecto mental e físico, esa é a miña principal preocupación".

O Lugo non poderá contar con Juanpe, sancionado pola súa expulsión ante o Almería, e titular nas últimas xornadas no interior dereito. Si podería estar o central Álex Pérez, do que Albés asegurou que intentan a súa recuperación e a do lateral esquerdo Roberto Canella: "Vai mellor, sabemos que é unha molestia xa coñecida, pero non é descartable médicamente que poida estar en Xirona".

Máis en Deporte Local Lugo