Alberto Meira domina na Ulloa

O vigués impúxose na última proba do Galego de 'rallyes' nunha competición que mandou de principio a fin

Rallye de A Ulloa. SEBAS SENANDE
photo_camera Rallye da Ulloa. SEBAS SENANDE

Expectativas cumpridas. Polo menos as que situaban a Alberto Meira (Ford Fiesta N5) no máis alto do podio en Monterroso para asegurarse o subcampionato do campionato de Galicia de rallyes. Meira dominou o Rallye da Ulloa de principio a fin para asegurarse o subcampionato autonómico, que xa estaba no palmarés de Víctor Senra desde a celebración do Rallye San Froilán, e que non contou coa súa presenza nin coa do terceiro da xeral, Iago Caamaño.

Alberto Meira debía defender unha segunda posición no Galego, ameazada por Caamaño -a 66 puntos-, quen non tomou a saída e quedaba eliminado da batalla polo subcampionato, e por Jorge Pérez (Renault Clío R3 Maxi) -a 192 puntos con 280 en xogo nas estradas da Ulloa-, que ofreceu batalla pero que acabou na quinta posición do rallye.

Tras a celebración dos oito tramos dos que constaba a proba, Alberto Meira sumou un tempo de 43 minutos, 8 segundos e 159 milésimas. O finalmente subcampión galego foi 39 segundos e 202 milésimas mellor que Alberto Otero (Renault Clío N5), quen acabou no segundo posto do caixón. O terceiro posto foi para Antonio Fernández, cun Mitsubishi Evo 8, que acabou cun crono de 45.56.583, con 6 segundos e 703 milésimas sobre o cuarto, Celestino Iglesias (Ford Festa N5). Na quinta posición acabou o citado Jorge Pérez, cun tempo final de 46.10.475.

O primeiro tramo, en Palas de Rei, de 8,65 quilómetros, deu comezo á proba ás 9.08 horas. Sobre o asfalto da Ulloa Alberto Meira comezou marcando as diferenzas desde o comezo e marcou o mellor tempo, superando a Alberto Otero en 992 milésimas. Xa moi lonxe situouse Jorge Pérez na terceira praza, na que cedeu case 26 segundos.

Quedaba claro que a pelexa sería entre Meira e Otero, unha situación que sería aínda máis patente tras o segundo tramo, cando Meira aumentaba en 5 segundos a súa distancia sobre Alberto Otero, pero en máis de 58 sobre o terceiro, Antonio Fernández. Jorge Pérez era cuarto pero a máis de 1 minuto do líder, o que complicaba a súa opción de acceder á segunda posición do Galego.

O terceiro tramo foi un dos dous únicos que cedeu Meira, que quedou por baixo de Alberto Otero por 505 milésimas, o que mantiña as distancias entre ambos na xeral do rallye, xa que o resto seguían demasiado distanciados como para optar ao triunfo.

Os dous primeiros seguiron marcando os mellores tempos no resto de parciais, aínda que con Alberto Meira sempre por diante desde o cuarto ao sexto, o que lle valeu para distanciar a Otero en 22 segundos antes do sétimo tramo, no que o segundo da xeral reducía a súa desvantaxe en 3 segundos.

Con 19 segundos e 171 milésimas de separación, Alberto Meira e Alberto Otero tomaron a saída do último tramo, de 9,6 quilómetros en Monterroso. Meira levou o triunfo neste parcial ao ser 8 segundos mellor que Otero, o que asegurou que levantase o trofeo na Ulloa e, de paso, o subcampionato galego.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios