Aires novos por Valladolid

O Leche Río Breogán visita o venres a un Carramimbre que desde que o adestra Hugo López apostou por un baloncesto de clara vocación ofensiva
Christian Díaz durante un Breogán-Valladolid. AEP
photo_camera Christian Díaz intenta superar a Wade Chatman no Breogán-Valladolid de hai dúas tempadas. AEP

Entre as notas positivas do inicio de tempada na LEB Ouro hai que situar necesariamente o Carramimbre Valladolid. E non só pola súa bagaxe —tres triunfos e unha derrota, esta sufrida na cancha do principal favorito, o Mallorca, e logo dunha prórroga— senón, e sobre todo, pola proposta de xogo que ata agora está a realizar o conxunto valisoletano.

O equipo que agora dirixe Hugo López aposta por un baloncesto dinámico, rápido e cunha clara vocación ofensiva (só o Alacante leva máis puntos anotados). Ademais, e a diferenza doutros equipos que poderían considerarse, a priori, do seu nivel, non basea as súas posibilidades de éxito en dous ou tres xogadores que asumen a responsabilidade senón que o traballo de grupo se impón ás individualidades. Obviamente hai xogadores que destacan sobre o grupo, pero os triunfos do Valladolid ata agora non tiveron un só nome.

Frank Bartley é o terceiro mellor anotador da liga con 18,5 puntos por partido

Frank Bartley é o terceiro mellor anotador da liga, a súa media é de 18,5 puntos por encontro, e desde logo non se pode negar a súa importancia. É un anotador nato e será un dos aspectos a vixiar por parte dos xogadores do Breogán, sen perder de vista ademais que en todos e cada un dos partidos, en canto a anotación, sempre se viu apoiado por outros compañeiros. Leimanidis (17 puntos) e Niksa Federico (11) fixérono ante o Mallorca; Mackenzie (14) e Michael Torres (13) ante o Melilla; De la Fuente (25) e outra vez Niksa Federico (16 puntos, con catro triplos de sete intentos) no enfrontamento ante o Canoe e De la Fuente (15) e Granados (13) no triunfo ante o Marín.

Os interiores apenas achegan o 30 por cento dos puntos do equipo, pero con todo fanse notar no seu traballo defensivo e sobre todo no rebote, faceta na que o Valladolid destaca entre os mellores da liga. O seu máximo reboteador é o case lucense Seydou Aboubacar —tras o seu paso polo Estudantes e o traballo realizado no Breogán hai un par de tempadas-, que experimentou unha interesante evolución, ata o punto de ser o terceiro xogador máis utilizado por Hugo López.

Comentarios