A crise do coronavirus apraza o Medio Maratón Cidade de Lugo O Progreso

A proba estaba programada para o 10 de maio
AppleMark
photo_camera Nuno Costa entra como gañador na pasada edición. XESÚS PONTE

A cuarta edición do Medio Maratón Cidade de Lugo-O Progreso, prevista inicialmente para o día 10 de maio, aprázase debido á situación xerada pola crise do coronavirus.

Como lle ocorreu a outras probas do calendario deportivo, a cuarta edición desta proba tamén se ve obrigada a realizar un cambio no que se refire á súa data de celebración porque as circunstancias fan inviable que se manteña como estaba prevista orixinalmente, sempre seguindo os criterios marcados polas autoridades sanitarias e a seguridade dos participantes.

Agora desde a organización vaise a traballar en fixar unha nova data para que a proba teña as garantías necesarias e manteña así o crecemento constante que se observou desde que se disputou a primeira edición.

A competición está tamén pendente de que se culmine todo o proceso da homologación, algo que se puxo en marcha e que tamén se viu condicionado pola crise do coronavirus e todo o parón que provocou, pero que chegará a bo porto nas próximas datas. Esa homologación supón un novo impulso para a proba á hora de situala moi ben no calendario nacional.

Hai que recordar que xa permanecía aberto o prazo de inscrición para todos os interesados en participar na mesma e que, neste caso, o importe das inscricións realizadas ata a data será reintegrado aos participantes anotados.

A competición queda así pendente de contar cunha nova data de disputa nunha edición na que un dos grandes atractivos é a presenza do exatleta internacional e mediofondista español Reyes Estévez como o padriño da mesma.

Reyes Estévez sucede como padriño aos deportistas Abel Antón, Fermín Cacho e Alessandra Aguilar, que foron os protagonistas nas edicións anteriores.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios