Adrián Ben despediuse da tempada de pista cuberta "con boas sensacións"

O atleta vivariense lamenta non poder estar no Mundial de Belgrado "porque chegaba en boa forma". Xela Martínez será a gran baza lucense polo ouro no Nacional sub-18
Adrián Ben luce la equipación de su nuevo club, el Adidas. EP
photo_camera Adrián Ben. EP

O atleta vivariense Adrián Ben despediuse no World Indoor Tour de Madrid da tempada de pista cuberta coa súa mellor actuación da campaña invernal, aínda que previsiblemente non lle servirá para poder estar no Mundial de Belgrado ao haber só dúas prazas e telas Mariano García e Álvaro de Arriba. A pesar diso, o mozo mariñán, declarou sentirse "contento e con boas sensacións" tras o cuarto posto conseguido en Gallur, pero sobre todo pola marca conseguida, 1.46.15, que rebaixaba en case un segundo a mínima esixida para o Mundial. "Faltoume a parte do traballo que talvez tiña que facer o pasado fin de semana no Nacional de Ourense, pero estou contento pola evolución que tiven", asegurou.

Cabe recordar que Adrián Ben comezou a tempada de pista cuberta dúas semanas máis tarde que o resto de atletas debido ao contaxio de coronavirus e ás súas secuelas. "Foi un contratempo que impediu que a preparación fose a idónea, pero alégrome de poder despedir a pista cuberta con boas sensacións", insiste, lamentando non poder estar en Belgrado. "Quédame unha sensación agridoce, xa que creo que podía chegar nun gran momento, pero é o que hai e agora xa só penso na tempada ao aire libre", avanzou, agradecendo todo o apoio recibido. "Quero agradecer a toda a xente que me deu ánimo nos últimos meses".

XELA MARTÍNEZ. Boa parte da atención do atletismo lucense este fin de semana estará posta en Xela Martínez, que participará no campionato de España sub-18, en Valencia, partindo coa mellor marca de todas as participantes na proba dos 1.500 metros lisos.

Comentarios