Adiaratou Iglesias faise con dous bronces no Nacional sub-23 en Sevilla

A deportista do Lucus Caixa Rural sóbese ao podio nas probas de 100 e 200 metros lisos neste campionato
2019111217032323546
photo_camera Adiaratou Iglesias. ARQUIVO

A atleta lucense Adiaratou Iglesias (Lucus Caixa Rural) converteuse nunha das grandes protagonistas no campionato de España da categoría sub-23 celebrado en Sevilla este pasado fin de semana, xa que a nova promesa do atletismo local facíase nin máis nin menos que con dúas medallas neste evento de rango nacional, o máis importante da tempada tras a anulación dos grandes torneos internacionais. 

A pupila de Adolfo Vila, actual subcampioa do mundo nas probas dos 100 e 200 metros lisos no último Mundial para persoas con déficit visual disputado en Doha (Qatar), tamén conseguiu subir ao podio en idénticas probas ás realizadas no país asiático. 

Así, na súa primeira participación na proba dos 100 metros, Adiaratou Iglesias metíase na gran final, onde se alzou co terceiro chanzo do podio cun tempo de 12.30 segundos nunha proba onde a catalá Ona Rosell cun tempo de 12.06 segundos, fíxose coa primeira posición. 

Pola súa banda, na carreira dos 200 metros lisos, a atleta lucense Adiaratou Iglesias tamén se fixo coa medalla de bronce ao finalizar a proba cun tempo de 25.34 segundos. Dobre éxito, xa que logo, no Nacional sub-23 para unha das figuras do atletismo galego e que realza aínda máis a proxección desta atleta cara á súa preparación cara aos Xogos Paralímpicos de Tokio 2021, unha cita máis que esperada.

Comentarios