A estrutura está no aire

A composición do persoal do Breogán dependerá da continuidade de Jerome Jordan, que acaba contrato o día 31

Jerome Jordan lanza a canasta. SEBAS SENANDE
photo_camera Jerome Jordan lanza a canastra. SEBAS SENANDE

Son horas baixas para os Cafés Candelas Breogán. Dous triunfos en once xornadas non é, desde logo, o cartón de presentación esperada no retorno á ACB. E a situación clasificatoria, penúltimo clasificado coas mesmas vitorias que un Delteco Gipuzkoa que pecha a táboa, non é o máis preocupante, sono as malas sensacións que transmite o equipo tanto no xogo como na súa capacidade para sobreporse ás dificultades e tamén a moi limitada capacidade de manobra que está a demostrar o club breoganista.

Deportivamente, o equipo breoganista afrontará ata finais de xaneiro un tramo de calendario que pode resultar definitivo, con cinco encontros no Pazo dos Deportes de Lugo nas próximas sete xornadas. E o que está claro é que a pesar de todo ao club lucense non lle queda máis remedio que adoptar medidas importantes, cabe esperar que canto antes, para albergar certas esperanzas de reacción.

E non vai quedar máis remedio porque en primeiro lugar o último día do presente mes finalizan o seu contrato Jerome Jordan e Sergi Vidal. Sábese que o club sondou xa ao axente do pivote xamaicano intentando unha renovación do seu contrato. Jordan só negociará seguir en Lugo se a prolongación do seu contrato se estende ata final de tempada. Non asinaría outra relación por un mes máis, por exemplo. Parece un paso indispensable para o futuro do equipo, tendo en conta o que é e representa o xogador, e máis se se ten en conta que Henk Norel, o xogador que veu substituír, non estará en condicións de xogar, no mellor dos casos, ata o mes de marzo.

O problema fundamental será o económico e chegar ás pretensións do xogador podería ter consecuencias directas na confección do persoal. Dito doutro xeito, podería condicionar a contratación dun aleiro, en principio extracomunitario e incluso deixaría ao club sen marxe de manobra para intentar a continuidade de Vidal.

O primeiro movemento que podería producirse é a chegada do base mallorquino Sergi García en condición de cedido polo Valencia. O club lucense hai xa algunhas datas que solicitou a súa cesión, pero non foi o único da liga Endesa, circunstancia que podería complicar as expectativas breoganistas. De todos os xeitos, o primeiro paso estará en que os técnicos do Valencia dean o visto e prace á saída do xogador. En principio, isto estaba supeditado a que Antoine Diot estivese totalmente recuperado da súa lesión e o xogador francés xa reapareceu este martes co seu equipo ante o Zenit en partido correspondente á Eurocup. Polo tanto, Ponsarnau dispón agora de catro bases no equipo, Van Rossom, Vives, Diot e Sergi García, que practicamente non xogou xa nas últimas xornadas.

Comentarios