Estatísticas

75-76. O Breo queda a unha canastra da vitoria

Os lucenses perderon tras un último tiro de Dani López que nin tocou o aro nun partido no que xamais estiveron cómodos ante un Pazo completamente entregado. O Coruña domina a serie de cuartos por 2-1
Un momento del partido
photo_camera Un momento del partido

O Cafés Candelas Breogán está obrigado a gañar os dous seguintes encontros ao Leyma Coruña, o segundo sería no Pazo dos Deportes da Coruña, senón quere quedar fóra da carreira polo ascenso ao primeiro de vez. O equipo lucense non deu a talla ante un Coruña que soubo xogar moito mellor as súas bazas. Aínda así, o Breogán tivo o último lanzamento para gañar o encontro pero o tiro de tres puntos de Dani López non chegou nin a tocar o aro.

Foi unha última xogada que resumiu a falta de claridade de ideas que exhibiu o conxunto breoganista durante gran parte do partido. A falta de 23 segundos, co marcador xa en 75-76, Wright coloca un tapón pero non pode impedir que o balón se vaia pola liña de fondo. Saque para o Coruña con cinco segundos de posesión, o lanzamento de Burjanadze non entra e o rebote é para o equipo lucense con quince segundos por diante. Quince segundos nos que os xogadores do Breogán non souberon que facer. Dúbidas e ao final unha mala decisión. Dani López, quizá consciente de que fisicamente non está no seu mellor momento, non tivo clara a posibilidade de irse cara ao aro, ou de xogar un balón interior, e decidiuse polo errado último lanzamento.

Consumábase así unha derrota para a que o conxunto breoganista xa fixera merecementos anteriormente. Como cando, no seu mellor momento, logrou situarse con oito puntos de diferenza (67-59) no minuto 34. Foi, probablemente o momento do partido. O único no que pareceu realmente que os de Tito Díaz poderían descomporse. Pero o Breogán entrou en barrena. Dous balóns perdidos, unha falta antideportiva dun descentrado Matulionis, un ataque nulo co lanzamento triple como única solución e o resultado un parcial de 2-14 en só tres minutos que, non só volvían pór ao Coruña por diante no marcador (69-73), senón que lles devolvía a confianza en que era máis que posible recuperar o factor cancha.

<<MÁIS INFORMACIÓN NA EDICIÓN IMPRESA DE EL PROGRESO DESDE SÁBADO>>

Comentarios