Jueves. 20.09.2018 |
El tiempo
Jueves. 20.09.2018
El tiempo

62-83. Derrota digna ante un xigante

Un instante do encontro. CB BREOGÁN
Un instante do encontro. CB BREOGÁN

O equipo lucense presentouse en Tarragona coa ausencia de catro alicerces do seu xogo: Henk Norel, Lucio Redivo, Alec Brown e Tarence Kinsey
 

Logo de moito tempo, os Cafés Candeas Breogán víase as caras, sendo equipo ACB, cun equipo da liga ACB. E a verdade é que non o fixo nas mellores condicións. O equipo lucense presentouse en Tarragona coa ausencia de catro alicerces do seu xogo: Henk Norel, Lucio Redivo, Alec Brown e Tarence Kinsey. Ricardo Úriz púxose o chándal, pero por precaución non xogou nin un minuto. E Salva Arco, ao pouco de empezar, torceuse un nocello e viu o resto do duelo desde o banco. 

Con este panorama, o equipo lucense viuse as caras co Baskonia, unha deses persoais infinitos de nomes estraños que está chamada a loitar por todos os títulos, incluído o da Euroliga, que este ano se disputa en Vitoria. ¿Resultado? Pois o lóxico. 

Como sucedeu o pasado martes ante as Obras Sanitarias en Sarria, os Cafés Candeas Breogán deu a cara mentres as forzas respondéronlle. Na primeira metade deixou detalles que invitan o optimismo e, con intensidade en defensa e o rebote como condición innegociable para ser alguén na ACB, marchouse ao descanso por diante no marcador (34-31).

Visto o visto, o último cuarto podía ser un pesadelo para o Breogán, pero os poucos efectivos cos que conta Lezkano deron a cara

Christian Díaz e Belemene, que non están chamados a ter un rol principal no equipo, demostraron este venres que están para o que se lles chame. Intensos, duros e acertados por momentos, foron do mellor dun equipo que, tras o paso polos vestiarios, topouse coa crúa realidade da ACB.

E é que ademais do talento, para competir na elite hai que ter as pernas ao 100 por cen en todo momento. Lonxe, moi lonxe quedan aqueles anos 80 nos que os cinco xogadores do equipo titular acumulaban máis de 35 minutos na pista. Iso hoxe en día é ciencia ficción. Raro é ver a un xogador, por moi bo que sexa, máis de 25 minutos en pista. Pois ben, este venres tres xogadores do Breogán superaron os 30 minutos (Löfberg, Belemene e Sulejmanovic) e dous chegaron aos 29 (Cvetkovic e Gerun).

Alén da pista, Pedro Martínez movía o banco e repartía o tempo entre os seus doce xogadores.

A iso sumouse a calidade do persoal do Baskonia, que no terceiro cuarto meteu unha marcha máis, así que pouco puido facer o equipo lucense. No terceiro cuarto. Os xogadores de Natxo Lezkano foron testemuños do que é un ataque de furia dun grande de Europa. Parcial de 6-32 e partido visto para sentenza (40-63).

Visto o visto, o último cuarto podía ser un pesadelo para o Breogán, pero os poucos efectivos cos que conta Lezkano deron a cara e asinaron unha derrota digna (62-83) que non debe facer dano na súa preparación de face ao comezo de Liga.

Si o fai a lesión de Salva Arco, que este sábado (20.30 horas, Gol) non poderá xogar o choque entre o Breogán e o Gipuzkoa. Ou o que é o mesmo, outra minutada máis para os seus compañeiros. Non está a ser a pretemporada soñada polo breoganismo. Non.
 

62-83. Derrota digna ante un xigante
Comentarios