viernes. 14.08.2020 |
El tiempo
viernes. 14.08.2020
El tiempo

0-1. O Lugo suma unha vitoria de ouro

O equipo branquivermello dorme fóra do descenso á espera dos resultados deste xoves

Un gol de penalti de Manu Barreiro inflixiu unha dolorosa derrota á SD Ponferradina (0-1) que permite ao CD Lugo escalar posicións ata saír provisionalmente dos postos de descenso. Desde a chegada de Juanfran García ao banco os branquivermellos sumaron sete de nove puntos disputados

No outro lado, a Ponferradina encadeou así a súa cuarta derrota consecutiva, o que deixa o conxunto de Jon Pérez Birlo nunha situación máis que comprometida ao terse que xogar a permanencia en tres xornadas máis que complicadas.

Desde o primeiro instante constatouse a tensión do encontro con dous equipos que converteron o choque nun ida e volta, dado que a ambos só lles valía a vitoria. Esa intensidade tamén se trasladou a un comezo marcado por accións de polémica nas que tivo que intervir a videoarbitraxe en dúas ocasións, unha para cada equipo.

Primeiro desestimou unha clara man de Larrea dentro da área da Ponferradina. Despois interveu para converter unha vermella a Djaló por unha amarela nunha entrada na que o seu excesivo ímpeto tocou balón.

Podes ver aquí un gol que pode valer a permanencia

Barreiro, o máis incisivo nos lucenses, deu o primeiro aviso sobre o portal de René á saída dun saque de esquina lanzado por Hugo Rama sen acertar co seu cabezazo cando se atopaba en boa posición. 

Custoulle ao equipo local asentarse no partido, marcado polo xogo aéreo, ata que superada a media hora unha falta lanzada por Ríos Reina rebotou na barreira e o balón morto foi rematado contra o lateral da rede por Kaxe cando tiña toda a portería para axustar o balón. 

O peor para os lucenses antes de chegar ao descanso foi o excesivo castigo recibido no número de amoestacións, con ata catro xogadores sancionados. 

A segunda parte mostrou, de inicio, a un CD Lugo mandón e querendo levar o perigo sobre René. Amosou moi pronto as súas ambiciosas intencións cun disparo aos catro minutos da continuación de Hugo Rama con moita intención pero algo desviado. 

Tamén quixo a Ponferradina avisar o seu rival tras unha boa acción combinativa con centro de Ríos Reina, deixada de cabeza de Pablo Valcarce e Yuri, que cando se aprestaba a rematar en boca de gol viu como se lle adiantaba un defensa. 

Así che contamos o partido minuto a minuto

A entrada de Ivi López mellorou o xogo ofensivo berciano que empezou a atopar máis combinacións e dar máis sensación de perigo aínda que Ander Cantero non tivese que intervir en ningunha acción verdadeiramente comprometida, ata un disparo centrado de Ríos Reina. 

Os locais empezaron a cercar a área rival con insistencia ante un Lugo esvaecido logo dun bo arranque de segunda parte e en tres accións consecutivas puido chegar o primeiro tanto berciano. Primeiro quedou a piques de remachar Yuri un balón mordido de Pablo Valcarce, despois houbo un gran disparo de Nacho Gil e, a continuación, outro máis centrado de Ivi López. 

Cando nada indicaba que o partido tivese outra cor que non fose a local chegou unha acción desafortunada de Ríos Reina que trabou a Valentín nun claro penalti que non perdoou Manu Barreiro, que xa anotara un dobrete na primeira volta aos bercianos. 

Á heroica, a Ponferradina non foi capaz sequera de crear opcións claras sobre a portería rival malia o insistente acoso, festexando ao grande o Lugo unha vitoria de ouro no Toralín. 

Ficha técnica
SD Ponferradina: René, Son, Russo, Manzanara, Ríos Reina, Nacho Gil (Javi Navarro, m. 80), Sielva (Asier Benito, m. 88), Larrea, Pablo Valcarce, Kaxe (Ivi, m. 51) y Yuri. 
CD Lugo: Ander Cantero, Campabadal, Peybernes, Marcelo Djalo, Canella (Kravets, m. 46), Rama (Valentín, m. 74), El Hacen, F. Seoane, Jaime Seoane (Iriome, m. 84), Barreiro e Carrillo (Cristian Herrera, m. 61). 
Árbitro: Víctor Areces Franco (comité asturiano). Amoestou con cartón amarelo a Kaxe (m. 50), Sielva (m. 66) pola Ponferradina; Djalo (m. 10), El Hacen (m. 31), Barreiro (m. 35) e Canella (m. 43) polo CD Lugo. 
Goles: 0-1, Barreiro (p): m. 87. 
Incidencias: Encontro da trixésima novena xornada de LaLiga SmartBank disputado no estadio El Toralín.

0-1. O Lugo suma unha vitoria de ouro
comentarios