lunes. 18.11.2019 |
El tiempo
lunes. 18.11.2019
El tiempo

1-0. O Vilalbés vence sobre a bucina ao Choco

Unha acción a balón parado no Vilalbés-Choco. M.M.
Unha acción a balón parado no Vilalbés-Choco. M.M.
Os chairegos, que foron moi superiores ao Choco, anotaron o único tanto do duelo na última xogada ► O gol de Cuadrado puxo punto final a unha serie de tres xornadas en negativo

Cando parecía que non había volta atrás, que o tempo se acabara, chegou o gol de Cuadrado. O esperado tanto que concede tres valiosos puntos e rompe a serie de tres xornadas en negativo para os chairegos. Pero para celebrar houbo que esperar. Tanto como á última xogada e sobre a bucina. A vitoria deste domingo do Rácing Vilalbés ante o Choco foi agónica, a pesar de que os chairegos lograron ser moi superiores ao seu rival de principio a fin.

De feito, a primeira media hora de xogo foi un auténtico monólogo. Os pupilos de Simón Lamas exerceron unha presión moi agresiva na saída do balón dos visitantes, o que lles permitiu realizar múltiples recuperacións para lanzarse sen complexos á área rival. 

As chegadas foron a gran maioría por banda, unhas xogadas que acabaron en centros sen excesivo perigo para o meta redondelano, que só se tivo que empregar a fondo nalgún cabezazo frouxo de Cuadrado. 

O Choco, pola súa banda, intentou sorprender ao contragolpe, sen demasiado éxito, xa que un partido máis os xogadores do Vilalbés realizaron un brillante traballo defensivo. Sen conceder e sen cometer erros. 

A intensidade na presión mostrada na primeira media hora polo equipo local foise diluíndo aos poucos ata o último cuarto de hora de xogo do primeiro período, onde o dominio dos chairegos foi desaparecendo. 

Tras recuperar forzas no descanso, o Rácing Vilalbés volveu mostrar certa superioridade na segunda metade, logrando incluso encerrar por momentos o Choco na súa área, onde se sucederon varias ocasións para romper as táboas no marcador. 

As máis claras chegaron tras a saída ao campo de Sito, un revulsivo necesario que revolucionou co seu xogo e a súa velocidade a banda, pero que tamén estivo a piques de adiantar ao seu equipo a balón parado. 

Sito encargouse de lanzar unha falta na frontal da área no minuto 74. Fíxoo raso e ao pau do porteiro, que tivo reflexos dabondo para sacala. O rexeite favoreceu aos locais, que acabaron enviando por moi pouco o balón fóra da meta defendida por Cortegoso. 

Uns minutos despois, o extremo coruñés intentouno tamén cun disparo afastado que saíu desviado e lonxe da portería. Javi Varela sumouse á festa uns minutos despois e buscou o gol de cabeza tras un saque de córner ao segundo pau. 

Co tempo xa cumprido, a afección xa se fixo á idea de sumar só un empate, e foi entón cando chegou o tanto de Cuadrado, que aproveitou un certeiro centro de López para enviar o balón ao fondo da rede e subir tres puntos ao marcador do seu equipo, que logra con esta vitoria romper unha serie de tres derrotas consecutivas. 

Por fin as sensacións positivas acaban transformándose en puntos para o Rácing Vilalbés, que se mantén nunha cómoda novena praza da clasificación. 

Unha vitoria que espera xerar un clima de confianza nos xogadores, que na próxima xornada deberán enfrontarse ao líder, o Ourense CF, que suma 21 puntos.

FICHA TÉCNICA
1.- Vilalbés: Javi Pita, Diego López, Vérez, Josito, David Buyo, Javi Varela, José Varela (Moreda, m.86), Make, Sandá (Ángel, m. 77), Diego Rey (Sito, m. 68) e Cuadrado.

0.- Choco: Cortegoso, Yago, Aitor, Vitra, Diego Abal, Alberto, Martín, Rafael (Monchito, m. 71), Sergio Santos (Reguera, m. 90), Tomás Abelleira (Rancaño, m. 83) e Félix Adrián.

Gol: 1-0, m. 95: Cuadrado.

Árbitro: Castro Alarcón (A Coruña). Amosou cartón amarelo polo Vilalbés a José Varela, David Vérez e Muíña e expulsou no minuto 65 ao preparador físico, Jandro. Por parte do Choco, fueron amonestados Alberto Suárez, Sergio Santos e Diego Abal, ademais do prepador físico, Erik Penedo.

Incidencias: Partido correspondente á oitava xornada, disputado na Magdalena ante un cento de espectadores.

1-0. O Vilalbés vence sobre a bucina ao Choco
Comentarios