Jesús Lázare: "Esperamos moito"

O presidente do Breogán destaca a ilusión do equipo na presentación da liga Endesa 2018-2019, celebrada este martes en Madrid. O conxunto lucense estivo representado polo seu presidente e polo holandés Henk Norel

Presentación de la Liga Endesa con Henk Norel, segundo por la izquierda. FERNANDO VILLAR (EFE)
photo_camera Presentación da liga Endesa con Henk Norel, segundo pola esquerda. FERNANDO VILLAR (EFE)

A tempada 2018-2019 da liga Endesa xa está, oficialmente, en marcha. Logo de doce tempadas, o CB Breogán volve estar no principal escaparate do baloncesto europeo, na considerada, obviamente logo da NBA, como a segunda mellor liga do mundo. Este martes celebrouse en Madrid, na sede de Endesa, o acto de presentación da nova tempada e alí estaba, xunto con outras 17 figuras da competición, Henk Norel, coa camiseta celeste para representar á entidade lucense.

Aínda que non centraron a atención dos focos do mesmo xeito que os xogadores, os presidentes dos clubs ACB -que pola tarde mantiveron unha reunión na que se presentaron as contas da pasada tempada e o orzamento da actual, aínda que terán que ser aprobados na asemblea- tamén estiveron no evento.

Jesús Lázare recoñeceu que xa espera o inicio de Liga con moita ilusión e moitos nervios. "A pesar da complicada pretempada ninguén nos pode quitar a ilusión de estar aquí, de situarnos na liga Endesa e de pensar que en dez días xa temos o primeiro partido na casa. Esperamos moito tempo para isto", comentou.

Ata agora, a preparación do Cafés Candelas Breogán estivo marcada polas lesións, o que impediu un desenvolvemento normal desta importante etapa. "Non houbo sorte, pero insisto, estamos onde queriamos estar, estamos na presentación da liga Endesa e aos problemas que nos xurdan non nos queda outra que buscar remedios. Non só lle pasa ao Breogán, foi unha pretempada rara neste aspecto", comentou o presidente breoganista.

Aínda que esta semana xa se irán incorporando aos adestramentos a maior parte dos xogadores, aínda persiste, polo menos oficialmente, a dúbida sobre se Norel necesitará pasar por quirófano e en consecuencia causará baixa duante tres meses. "Mañá -por este mércores- faise as últimas probas e controis e imos esperar ao resultado. As expectativas non son boas, pero imos esperar. Co que sexa o club fará un comunicado", dixo Lázare, quen ademais recoñeceu que no club os técnicos xa están a buscar no mercado a un posible substituto. "Está claro que buscaremos a un xogador, niso xa se está traballando", dixo.

O pasado venres produciuse a, ata agora, última incorporación no equipo de Lezkano, a chegada de Sergi Vidal foi cualificada por Lázare como "unha bocanada de aire fresco". "O club moveuse rápido, moveuse ben. Sergi, ademais da súa calidade como xogador, achega tamén a súa calidade humana e a súa experiencia na liga Endesa, é un xogador valorado e respectado", apuntou.

O obxectivo da tempada é "chegar ás 12 vitorias", concluíu Jesús Lázare.

Máis en Deporte Local Lugo
Comentarios