"O mes que vén será clave para o futuro do Breogán"

Quique Fraga considera fundamental que o equipo lucense o faga ben ante o Obradoiro, o Gipuzkoa e o Fuenlabrada

Quique Fraga. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Quique Fraga. VITORIA RODRÍGUEZ

"O mes que vén será clave para o noso futuro", asegura o director deportivo do CB Breogán, Quique Fraga, quen engade: "Todos os partidos son importantes, pero é evidente que hai algúns que son máis transcendentes, como os que imos xogar contra o Obradoiro, na cancha do Gipuzkoa ou ante o Fuenlabrada. Son tres partidos nos que necesitamos facelo francamente ben".

A liga Endesa renovarase, para o equipo lucense, o próximo día 2 de marzo coa visita ao Multiusos Fontes do Sar de Santiago para enfrontarse ao Obradoiro, equipo que, nestes momentos avantaxa ao equipo lucense en dúas vitorias. O día 9 de marzo será o Baskonia -terceiro clasificado da liga Endesa- o que visite o Pazo dos Deportes. O sábado 16 de marzo, os de Lezkano visitarán ao actual pechacancelas, o Delteco Gipuzkoa e finalmente o 24 de marzo, será o Fuenlabrada, que dispón das mesmas vitorias que o Breogán agora mesmo, o que renda visita ao Pazo.

O Cafés Candelas Breogán dispón a falta de catorce xornadas para a conclusión da fase regular de tres triunfos de vantaxe con respecto ao Gipuzkoa, de dous co Murcia e un co Herbalife Gran Canaria. "Non é unha mala situación, pero non nos podemos durmir, porque todo está moi igualado. Insisto en que o próximo mes xogamos contra equipos da nosa liga e hai que facelo o mellor posible para chegar ao final con certa vantaxe".

O equipo lucense, tras a marcha de Jerome Jordan e a posterior lesión do seu substituto, Tadija Dragicevic, mostra un evidente desequilibrio no seu xogo interior, que pode marcar negativamente as súas opcións futuras. Unha circunstancia que, loxicamente, tamén preocupa a Fraga. "É obvio que se nota moito a marcha de Jordan, porque nos estaba dando moito. Cando Dragicevic empezaba a entrar no equipo e cando podía empezar a axudarnos lesionouse e está claro que estamos a sufrir moito na posición de cinco, pero todo o equipo está moi implicado para sacar os partidos adiante. O compromiso de todo o persoal é do cen por cento".

Fraga recoñece que nestes momentos, o Breogán "necesita un cinco porque só temos nesa posición a Gerun", pero aclara que a opción de incorporar a outro xogador que puidese aliviar ese déficit. "Non se contempla nestes momentos, non temos capacidade económica para iso", dixo.

Unha posible solución estaría en poder contar co pivote Henk Norel, ao que unha lesión non lle permitiu, aínda, debutar co conxunto breoganista. En principio, os técnicos do club lucense marcaran o encontro ante o Baskonia, o seguinte que se xogará no Pazo dos Deportes de Lugo, como o da posible incorporación do xogador, pero un pequeno contratempo, polo menos así o parece, podería atrasar uns días esas previsións.

"Norel está a se adestrar ben, está a ir ben en liñas xerais, pero nos últimos días sentiu unha pequena dor no xeonllo operado e hai que saber que pasa. Faránselle estes días unhas probas porque non se pode forzar, hai que ir paso a paso. Creo que se pode estar para xogar en San Sebastián sería moi boa noticia para nós", dixo o director deportivo.

Dragicevic continuará no club ata o final de tempada, o que Fraga considera unha boa noticia. "Cantos máis xogadores teñamos e que poidan axudar, mellor. O serbio evoluciona ben da súa lesión e moi pronto volverá adestrar co equipo. Creo que tamén podería reaparecer contra o Delteco Gipuzkoa en San Sebastián", sinalou.

Os xogadores do Cafés Candelas Breogán volveron aos adestramentos o pasado luns, exercitaranse ata o venres e disporán da próximo fin de semana libre.

Comentarios