Unha Copa do Rei moi lucense

O técnico de Folgoso do Courel Manolo González, protagonista da eliminación do Getafe, e o lateral de Castro Iago López, verdugo do Cádiz, relatan a súa experiencia no torneo do k.o.
Manolo González y Iago López, AEP
photo_camera Manolo González e Iago López, AEP

Folgoso do Courel e Castro de Ribeiras de Lea. Dúas localidades de pequeno tamaño, sen o impacto das grandes urbes ou do eixo Atlántico. Apenas teñen oco no universo mediático salvo cando o talento dos seus veciños rompe o muro do esquecemento e sitúaos en primeira liña. Manolo González e Iago López Carracedo son eses cidadáns que colocaron a Folgoso e Castro na vangarda da Copa do Rei. O primeiro como técnico do Badalona, verdugo do EuroGeta. O segundo como lateral titular da UD Logroñés, que acabou coas opcións do histórico Cádiz, impoñente líder de Segunda División.

González, nacido en Folgoso aínda que criado en Cataluña, a onde a súa familia se trasladou cando era neno, foi o grande arquitecto da heroicidade da terceira rolda copeira, onde un equipo como o Getafe, metido na pelexa polo título da liga Europa e a primeira metade da táboa de Primeira División, caeu eliminado por 2-0.

"Sabiamos que a partido único e na nosa casa teriamos as nosas opcións. Se faciamos as cousas ben podiamos pasar, aínda que era complicado", declara Manolo González.

O técnico de Folgoso esperou o partido "coma se fose un día normal", consciente de que o seu bo traballo no Badalona podía dar os seus froitos. "Preparamos o partido como un de Liga. Sabiamos que ir xogar un partido moi físico, que é o que lles gusta a eles, non nos ía a levar a ningún lado. Debiamos ter o balón, facer transicións rápidas e, a partir de aí, facerlles dano", relata.

Manolo González chegou ao Badalona coa tempada empezada e nunha situación crítica

A clave do 2-0 estivo na vermella a Timor no Xetafe e nos goles tardíos do cadro catalán. "Cando quedaron con dez sabiamos que iso ía ter un desgaste", valora. "Cando marcas no 85 xa tes o partido case feito", razoa o lucense.

Manolo González, que chegou ao Badalona coa tempada empezada e nunha situación crítica —sumara 1 punto de 21 posibles antes da súa aterraxe— e agora está fóra do descenso, recibiu as felicitacións do técnico do Xetafe, Pepe Bordalás. "Ao final do partido saudámonos de xeito cordial, porque cando perdes non estás para moitas cousas. Pero antes do partido felicitoume pola traxectoria do equipo desde que estaba eu, que parecía outro desde que o collemos e que o noso traballo era moi bo alí. Estudáranos ben".

BRILLAR EN LOGROÑO. Tamén foi protagonista da Copa do Rei Iago López Carracedo. O carrileiro chariego xoga na UD Logroñés cedido polo Xirona, onde milita desde 2018. O club rioxano desfíxose do Cádiz nos penaltis con Iago xogando os 120 minutos no carril dereito logo de estar parado máis dun mes por unha lesión de nocello.

Iago López Carracedo xogou os 120 minutos ante o Cádiz tras estar parado máis dun mes por unha lesión de nocello

"Logo de levar parado un tempo, atopeime a gusto. Sorprendeume un pouco xogar todo o partido porque non estaba ao cento por cento do nocello. Cando souben que ía xogar desde o inicio mentaliceime de que me tiña que esquecer do nocello e que estaba curado", dixo.

O de Castro non tivo que tirar ningún penalti na quenda. "Elixiran os cinco mellores lanzadores. Foi moi emocionante, sobre todo porque a xente do estadio estaba connosco".

"Había bastante presión. Desde que un día fallei un penalti non me gusta tiralos. Sei que teño que quitarme esa espiña, pero algún día terei que facelo e tirar un penalti", valorou.

Real Madrid e Barcelona, os rivais predilectos 
Manolo González e Iago López foron categóricos nas súas preferencias. Mentres o técnico do Badalona quere o Real Madrid, o carrileiro de Castro suspira polo Barça na seguinte rolda da Copa do Rei. 

"Gustaríanos que nos tocase o Real Madrid por potencial e porque, ao final, pola proximidade sempre tes cerca o Barça e cremos que é máis bonito xogar contra o Real Madrid que contra o Barça", revela González. 

"A min gústame moito o Barça. Como afeccionado e xogador gustaríame que fose o Barcelona. Noutros casos á xente gústalle máis o Real Madrid, pero eu persoalmente prefiro o Barça, aínda que se me toca o Madrid, o Atlético ou un Athlétic non é de mal gusto", pide Iago López. 

Adestrar o Lugo 
Outro equipo no pensamento de Manolo González é o Lugo, ao que lle gustaría adestrar algún día e ser profeta na súa terra. "Adestrar o Lugo sería bonito. Volver a casa e facelo nun equipo como o Lugo, con ese nivel e en Segunda... a calquera lle gustaría algo así. Pero son consciente de que é moi difícil que un equipo de Segunda aposte por adestradores sen nome".

Comentarios