Triunfa a iniciativa dun lucense que aúna baloncesto e literatura

Xoán Vila, un profesor natural de San Miguel de Reinante que dá clases en Celanova, acapara eloxios tras impulsar a iniciativa 'Basket por libros' entre os seus alumnos

A idea de Xoán Vila, un profesor de San Miguel de Reinante que exerce no CEIP Curros Enríquez de Celanova, converteuse en todo un exemplo de enxeño na docencia, na forma de axuntar deporte e formación intelectual, exercicio físico e cultura. A súa iniciativa, que leva a cabo este curso con alumnos de oito e nove anos, chámase Basket por Libros. En que consiste? Pois moi sinxelo, Vila ofrece clases de baloncesto a cambio de que os seus alumnos lean un libro ao mes.

Numerosos medios, desde El País ata outros especializados en baloncesto, fixéronse eco desta historia. Vila, que foi xogador en equipos como o Celtas de Foz, o Ribadeo ou o Viveiro, ten 46 anos e aproveita horas libres para levar a cabo a actividade. Concretamente, os martes de 14.30 a 15.30, entre as clases da mañá e a tarde.

O lucense, que imparte clases de Educación Física e de Ciencias Sociais, conta a Verne, a web de tendencias de internet de El País, que a idea xurdiu a finais do curso pasado, cando, para o seu asombro, descubriu que os seus alumnos non coñecían a xogadores de baloncesto da talla de Andrés Nocioni ou Felipe Reyes. A Pau Gasol si, pero crían que xogaba no Real Madrid. Entón empezou a concibir esta idea que tamén foi recollida na páxina oficial da ACB ou en blogues como robertorico.es, especializado en psicoloxía deportiva.

Para levala a cabo ten unha ficha de cada un dos seus alumnos na que anota o libro que leron cada mes. Algúns xa devoran máis dun dentro do prazo, aínda que tamén hai algún que non cumpriu e quedou sen a súa clase de básket. En calquera caso, a idea de Vila está a supor todo un boom de lectores entre os máis pequenos do municipio ourensán.

Máis en Deporte General
Comentarios