domingo. 19.09.2021 |
El tiempo
domingo. 19.09.2021
El tiempo

"Xa non confío tanto en min"

Simone Biles.EUROPA PRESS
Simone Biles.EUROPA PRESS
Simone Biles retirouse da final por equipos tras ter que abandonar o tapiz acompañada do equipo médico. A ximnasta obtivo a peor puntuación do seu equipo e Rusia levou o ouro

"Xa non confío tanto en min mesma. Talvez sexa por facerme maior. Houbo un par de días nos que todo o mundo te tuiteaba e sentías o peso do mundo. Non somos só atletas. Somos persoas á fin e ao cabo e ás veces hai que dar un paso atrás". Así falou Simone Biles, a gran estrela da ximnasia estadounidense tras retirarse este martes da competición por equipos dos Xogos Olímpicos de Tokio 2021. Está por ver se Biles, de 24 anos e gañadora de catro medallas de ouro en Río 2016, seguirá competindo no resto de probas.

"Logo da actuación que fixen non quería seguir. Teño que centrarme na miña saúde mental. Creo que a saúde mental está máis presente no deporte agora mesmo", dixo a ximnasta.

"Temos que protexer a nosa mente e o noso corpo e non limitarnos a facer o que o mundo quere que fagamos", precisou Simone Biles, que se retirou da final por equipos tras facer só o primeiro exercicio, o de salto.

Logo de obter co seu salto, un Amanar con xiro e medio, unha nota de 13,766, a peor entre as integrantes da súa selección, a campioa olímpica abandonou o escenario co médico do equipo e regresou uns minutos despois. A súa retirada da final fíxose oficial en cuestión de minutos, os que tardou en empezar a quentar a súa compañeira Jordan Chiles, que ía ser suplente en asimétricas. Estados Unidos perdeu a medalla de ouro, que quedou en mans de Rusia, —estaba por encima antes na rolda clasificatoria—.

Durante esa xornada, na súa estrea nos Xogos de Tokio, Biles non luciu o seu habitual sorriso. Moveuse inqueda polo pavillón entre os exercicios e, dentro do seu nivel excepcional, non obtivo as notas esperadas. De feito, foi primeira en salto pero segunda en chan (aparello no que non perde ningunha competición desde 2013) e sexta en barra.

"Simone Biles retirouse da competición final por equipos debido a un problema de saúde. Será avaliada diariamente para determinar se ten autorización médica para futuras competicións", anunciou a Federación Estadounidense de Ximnasia nun comunicado, para deter a multitude de preguntas que se facían virales nas redes.

Vlasdislava Urazova, Viktoriia Listunova e Angelina Melnikova, representantes de Rusia, proclamáronse vencedoras da proba, e tamén do ouro. A prata foi para EE UU e o bronce para Gran Bretaña.

"Xa non confío tanto en min"
comentarios