Raúl López nega atrasos no pago de nóminas do Obradoiro

O presidente do conxunto compostelán enxalzou o esforzo económico que fan os dirixentes da entidade
Raúl López. AEP
photo_camera Raúl López. AEP

Raúl López, presidente do Obradoiro, negou onte  o atraso no pago das nóminas dos xogadores do equipo que dirixe Moncho Fernández, e enxalzou "o esforzo" económico que fixeron os dirixentes  do club de Santiago para pechar as fichaxes dos letóns Janis Timma e Janis Strelnieks .

"Temos unha traxectoria de anos de pagar ao día, de que todos a principio de mes cobran o seu soldo, e iso ás veces obrígache a pensar e a repensar en facer operacións económicas que non podes cumprir. Pero nesta entidade cóbrase ao día e querémolo manter", manifestou Raúl López. 

O empresario admitiu que cada curso é máis dificultosa competir na Liga Endesa para os clubs modesto, como o Obradoiro, pero deixou claro que non hipotecarán o futuro do club. "Cada día ponse máis interesante e máis difícil para os equipos humildes, para os que temos un orzamento baixo, sobre todo para aqueles equipos que, tendo ese orzamento, sempre pagamos ao día. Pero iso é innegociable, ímolo a manter", puntualizou. 

No entanto, Raúl López advertiu de que o Obradoiro necesita dar "un salto económico" para poder manterse na elite do baloncesto español, na que leva 13 tempadas de xeito ininterrompido. "Desde o consello de administración reunímonos e chegado á conclusión de que buscariamos e poriamos o diñeiro necesario para poder apontoar ao equipo", incidiu o dirixente do Obradoiro, que pediu aos seus afeccionados unha "maior implicación", porque os necesitan.

"Necesitamos ter un pavillón cheo e ter esa economía saneada para poder atender o que fixemos. O Obradoiro ficha todo o que pode", subliñou Raúl López, antes de pedir ás administracións públicas o seu apoio.

Situación apurada

O Obradoiro, décimo quinto na clasificación da ACB (a súa bagaxe de 6 vitorias e 16 derrotas), disputará este domingo en Xirona (12.30 horas) un duelo de capital importancia na loita por manter a categoría. En primeiro lugar, porque o conxunto que dirixe Moncho Fernández está sumido nun pésimo refacho tras encadear sete derrotas; doutra banda, o conxunto catalán (8-14) é un rival directo na loita por evitar o descenso.