0-2. O PEscados Rubén FS non levanta cabeza

O equipo mariñán volveu caer ante o Santa Coloma e suma nove derrotas consecutivas
pazos
photo_camera David Pazos chuta a puerta durante el partido. JOSÉ Mª ÁLVEZ

O temporal non amaina en Burela. O Pescados Rubén FS é un esqueleto anímico, coa confianza baixo terra nun cofre, coa mirada perdida. Este martes volveu enterrar un metro máis as súas opcións de permanencia. Porque pasaron un terzo de Liga e na súa marcadora hai un solitario punto, daquel primeiro partido co Zaragoza. O Santa Coloma gañou 0-2 furgando nunha ferida que non para de sangrar. 

Os cataláns saíron co pé no acelerador. Nos primeiros sete minutos tiveron cinco ocasións de gol mentres o Burela FS defendíase, inexistente. Pero o partido cambiou a partir de aí e Iago Míguez, Renato e Pitero case marcan. Pero o que o fixo foi Álvarez tras unha perda de Quintela. Afundiu máis o barco laranxa David Peña, tres minutos despois, cun recorte sobre Renato e mandando un mísil á escuadra. Lucho, o mellor nos locais, lanzou no epílogo do primeiro acto e unha man de Borja desviou o suficiente o balón que pegou no traveseiro.

A segunda parte debuxou o que é Burela FS. Un equipo que busca o gol e non o atopa. Onde o delegado foi expulsado, quen sabe se buscando unha reacción, un cambio, enardecer á bancada, pero nin por esas. Buscaron o gol con afán, pero lle custa un mundo ao Pescados Rubén marcar. A ocasión máis clara tívoa Rikelme, que mandou un balón ao pau. Tamén o intentaron Renato, Pitero, Quintela á media volta, con porteiro xogador os últimos minutos. Pero a seca non deixa fluír o gol. 

Incluso os cataláns puideron ampliar a vantaxe, buscando as contras, cun disparo ao pau de Sepe e outro ao traveseiro de Drahovsky. Pero esta vez non marcaron.

A roda non para de virar, e o Burela FS ten unha nova oportunidade o venres, en Sevilla ante o Betis, para darlle a volta a unha tortilla que se está queimando.

Ficha técnica
0- Pescados Rubén Burela FS: Kaluza, Nito, Lucho, David Pazos e Quintela -cinco inicial- Álex Diz, Renato, Iago Míguez, Isma, Pitero e Riquelme.

2- Santa Coloma: Borja, Corso, David Peña, Álex Verdejo e Drahovsky -cinco incial- Sepe, Cardona, Uri Santos, Khalid e D. Álvarez.

Goles: 0-1, min.13: D. Álvarez; 0-2, min. 16: Corso.

Árbitros: Felipe Mazarrón e Urdanoz Apezteguía. Amarela a Renato nos locais e aos visitantes Álex Verdejo, Uri Santos e Drahovsky. Expulsou ao delegado do equipo local e ensinou amarelas ao adestrador, Alberto Riquer, e ao seu segundo.

Incidencias: Partido correspondente á décima xornada de Liga en Vista Alegre, medio milleiro de espectadores.

Comentarios