Nadal despídese de Australia en primeira rolda

Verdasco impúxose en cinco sets ao balear, que nunca caera ás primeiras de cambio no primeiro Grand Slam da tempada. Ferrer e Muguruza seguen adiante
Nadal, superado en Australia por Verdasco
photo_camera Nadal, superado en Australia por Verdasco

Fernando Verdasco plantouse na segunda rolda do Aberto de Australia, primeiro Grand Slam da tempada, tras tomarse o desquite en Melbourne ante Rafael Nadal, o que deixa como español con mellor ranking no cadro masculino a David Ferrer, que certificou a súa clasificación con sobriedade.

Seis anos despois da memorable semifinal que protagonizaron ambos os xogadores, Verdasco saíu nesta oportunidade airoso e levou o encontro, outra vez épico, por 7-6 (6), 4-6, 3-6, 7-6 (4) e 6-2.

O duelo que terminou co adeus de Nadal en Australia durou catro horas e 40 minutos. Non chegou ás cinco e 14 minutos que tivo a batalla do 2009. O ano que o balear, despois, obtivo o seu único título ata agora no Melbourne Park tras superar un dos mellores encontros que se recordan.

Esta é a primeira vez que Nadal cae eliminado en Australia na primeira rolda. Tamén foi finalista en 2012 ante o serbio Novak Djokovic e en 2014 ante o suízo Stan Wawrinka. Neste ano que parecía que ía camiño de reencontrarse ou achegarse á súa mellor versión, topouse ante a inspiración de Verdasco, que tamén trata de recuperar nivel e protagonismo, e que acabou feliz e pletórico.

Ferrer, en cambio, venceu en tres mangas, por 6-4, 6-4 e 6-2, ao alemán Peter Gojowczyk nun partido no que aproveitou máis e mellor as bólas de ruptura das que dispuxo, así como os numerosos erros non forzados do seu rival (52).

O xogador español soubo manexar o encontro e fixo valer a súa experiencia para levalo con sobriedade. Na segunda eliminatoria enfrontarase ao vencedor do duelo australiano entre James Duckworth e Lleyton Hewitt.

GARBIÑE, ADIANTE. A outra gran referencia nestes momentos do tenis español, a hispano-venezolana Garbiñe Muguruza, número tres do mundo, impúxose con contundencia á estoniana Anett Kontaveit, 86, por 6-0 e 6-4, en 59 minutos de partido.

Muguruza, que parece superar as súas molestias na planta do pé esquerdo, enfrontarase en segunda rolda á belga Kirsten Flipkens, que sufriu para derrotar á croata Mirjana Lucic-Baroni por 5-7, 6-2 e 7-5.

O resto da armada saíu ben parada desta segunda xornada de competición, posto que Marcel Granollers, Feliciano López, Tommy Robredo e Lara Arruabarrena progresaron. O que caeu foi Daniel Gimeno-Traver.

Comentarios