Rubiales, imputado por coaccións, ameazas e prevaricación administrativa

O xulgado admite unha querela dos clubs de fútbol feminino por presunto "acoso e fustrigación"
Luis Rubiales. EFE
photo_camera Luís Rubiales. EFE

Un xulgado de Majadahonda acordou investigar ao presidente da Federación Española de Fútbol, Luís Rubiales, polos presuntos delitos de coaccións, ameazas e prevaricación administrativa. 

Segundo El Mundo, a maxistrada Inmaculada González Cervera admitiu a trámite unha querela interposta pola Asociación de Clubs de Fútbol Feminino, que consideran que Rubiales mantivo unha campaña de "acoso e fustrigación" contra os clubs da Liga Iberdrola para que cedesen á RFEF os seus dereitos televisivos.

O dirixente deberá declarar o 28 de abril en calidade de investigado. A titular do xulgado de primeira instancia e instrución número 8 de Majadahonda tamén citou como querelados ao representante legal da RFEF e a outros tres membros da federación, mentres que declararán como testemuñas os responsables da Asociación de Clubs.

A querela ten relación coa explotación dos dereitos audiovisuais que os clubs asociados da máxima categoría feminina de fútbol en España cederon a Mediapro, segundo informaron a Efe fontes da patronal.