Giro 2017: dous positivos antes de empezar e Quintana como favorito

Os italianos Pirazzi e Ruffoni foron 'cazados' nun control sorpresa ► O colombiano de Movistar é o gran candidato a levar a rolda italiana que comeza este venres
Nairo Quintana
photo_camera Nairo Quintana

Os ciclistas italianos Stefano Pirazzi e Nicola Ruffoni, ambos do equipo Bardiani-CSF, deron positivo nun control de dopaxe sorpresa efectuado antes de que comece este venres en Sardeña o Giro de Italia.

O control efectuouse sen previo aviso, fóra da competición, e revelou que ambos os ciclistas deron "non negativo" no consumo dunha sustancia hormonal, segundo informa La Gazzetta dello Sport.

Pirazzi, de 30 anos, foi rei da montaña en 2013 e gañou a etapa reina en 2014, mentres que Ruffoni, de 26 anos, gañou dúas etapas da Volta a Croacia que precede ao Giro de Italia. Ambos corren o risco de ser expulsados de inmediato do Bardiani-CSF, un equipo profesional formado exclusivamente por ciclistas italianos.

APOSTAS. O colombiano Nairo Quintana (Movistar) é o máximo favorito para levar o Giro de Italia antes do seu inicio, segundo os mercados das principais casas de apostas.

O duelo entre Quintana e o italiano Vincenzo Nibali (Bahrain-Merida), defensor do título, centrará o foco do Giro do Centenario, unha edición especial que renderá homenaxe aos grandes campións da historia da carreira rosa e que presenta un percorrido emocionante ata o final, que inclúe dúas contrarreloxo e cinco finais no alto.

O xefe de filas do Movistar, gañador do Giro 2014 e da Volta 2016, ten a cota máis baixa en Bet365, pois a súa vitoria págase a 1,90 euros por cada un xogado, o que lle dá preto dun 50% de opcións de enfundarse a maglia rossa. A principal alternativa ao colombiano é Nibali, cunha cota de 6,5 euros por cada un xogado, seguido polo holandés Steven Kruijswijk (Lotto-Jumbo), cuxo triunfo final alcanza os 9 euros.

O primeiro español na lista de favoritos é Mikel Landa (Sky), cunha cota de 13 euros, a mesma que teñen o francés Thibaut Pinot (FDJ), Tom Dumoulin (Sunweb) e Geraint Thomas (Sky).

Máis en Deporte General
Comentarios