#futbolsencontacto, #prohibidocorrer e #futbolparatodxs. Estas tres etiquetas resumen o espírito dunha modalidade de fútbol, o fútbol a pé, que se está impulsando desde hai meses desde Cangas do Morrazo e que nos últimos días se tinguiu de loito pola morte dun home de 57 anos durante un adestramento no municipio morracense tras sufrir un infarto.
O triste suceso puxo o foco nunha actividade que nacía precisamente para axuntar deporte e saúde e para que a puidese practicar "calquera persoa sen importar idade ou xénero".
¿Que é o fútbol a pé? O impulsor deste deporte é o cangués José María Rial, técnico deportivo superior. Nos últimos meses realizáronse actividades en varios puntos de Galicia, como Pontevedra, Sanxenxo ou Santiago, para expandir esta práctica que conta co respaldo médico.
Ata a Real Federación Galega de Fútbol interesouse polo fútbol a pé e o seu presidente, Rafael Louzán, acudiu a unhas xornadas de adestramento no campo vigués de Coia para coñecer de primeira man este deporte en auxe.
As regras son as mesmas que en fútbol, aínda que, en esencia, non está permitido correr. Non ten espírito competitivo e declárase "libre de lesións".