Núñez Feijóo agradece a Dépor e Celta que "unan" Galicia a través do fútbol

O presidente animou a "gozar desta festa" porque "todas as bufandas e todas as bandeiras do Dépor e do Celta teñen as cores de Galicia"

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu este mércores ao Deportivo da Coruña e ao Celta de Vigo que estean "a unir Galicia a través do fútbol", un obxectivo demandado pola sociedade galega e que expresa "a grandeza deste pobo".

"Galicia é unha mestura de bufadas e de bandeiras de cores, pero se nos fixamos todas as bufandas e todas as bandeiras do Dépor e do Celta teñen as cores de Galicia: o celeste, o branco e o azul. Eses son as cores da nosa terra, así que imos gozar desta festa", sinalou o titular da Xunta.

Núñez Feijóo realizou estas declaracións durante o acto de clausura da presentación do anuncio publicitario do derbi galego que se disputará este sábado en Riazor, que se celebrou na Sala Eisenman da Cidade da Cultura, en Santiago.

O anuncio, baixo o título de "Imposible sen ti", recolle o momento no que unha familia, con afeccionados celestes e deportivistas, reúnese para ver o clásico do fútbol galego na casa do avó. "Din que nos levamos como cans e gatos... Pois non! Levámonos moito peor. Pero che digo unha cousa: que non nos falten nunca, porque de todos os partidos do mundo, este é o noso partido", explica, con voz en off, o avó.

O presidente da Xunta recordou que antes do derbi de Riazor xogarase o clásico entre o Real Madrid e o Barcelona no Santiago Bernabéu, un duelo que, en ton irónico, dixo que servirá de "teloneiro" para o "verdadeiro derbi, o derbi de Galicia, o noso derbi".

"Quero agradecer aos persoais dos dous equipos, aos seus presidentes, o seu interese por unir a Galicia desde o fútbol de elite" e emprazou a todos os galegos a gozar da "festa" do noso fútbol. "Atrás quedan aqueles derbis nos que non se podía ir a Balaídos nun coche cunha matrícula coa C de Coruña ou a Riazor cunha matrícula que tivese as letras PO de Pontevedra. Iso xa forma parte da historia", apuntou.

No evento tamén participaron o secretario xeral para o Deporte da Xunta, José Ramón Lete Lasa, os adestradores do Celta e o Deportivo, Eduardo "Toto" Berizzo e Víctor Sánchez do Amo, e os xogadores Sergio Álvarez (Celta) e Álex Bergantiños (Deportivo).

Máis en Deporte General
Comentarios