A Federación Galega lanza un proxecto para promover o fútbol sala nos colexios

Adri e Vane Sotelo son as imaxes da campaña

A Federación Galega de Fútbol presentou o proxecto Xogando con Futgal, co que promocionará a práctica do fútbol sala nos colexios de Galicia. Co slogan 'Sempre hai un motivo. ¿Ca é ou teu?', o organismo, a través do Comité Galego de Fútbol Sala, intenta fomentar un estilo de vida saudable e a práctica deportiva nos centros educativos.

Dous internacionais galegos, Adrián Martínez Vara, Adri, do Parrulo Ferrol, e Vane Sotelo, nas filas do Alcorcón FSF, son a imaxe desta campaña, un proxecto itinerante que desembarcará nos colexios. Eles son os principais protagonistas do vídeo da campaña recordando os seus inicios no fútbol sala, unha peza audiovisual que inclúe imaxes de moitos equipos e, entre eles, das vitorias do Pescados Rubén FSF.

Con este proxecto, nas clases de Educación Física programadas para cada curso realizarase unha sesión teórica e outra práctica na que o protagonista será o balón. A actividade vai dirixida a nenos de entre 6 e 13 anos, que participarán en sorteos de material deportivo e recibirán un agasallo en agradecemento por formar parte da iniciativa. A cada centro acudirán varios representantes —técnicos e xogadores— dos clubs máis representativos da zona.

Xogando con Futgal comezará esta semana —o mércores e o xoves— no Colexio Divino Mestre de Ourense e prevese que chegue tamén a Ferrol, Marín, Vigo, Santiago, Lugo e A Coruña.

Comentarios