De la Morena comunica á Ser que deixa a emisora

O locutor estrela, que leva desde 1989 á fronte de 'El larguero', marcharíase a Onda Cero
José Ramón de la Morena
photo_camera José Ramón de la Morena

José Ramón de la Morena comunicou á Cadena Ser que non continuará na emisora do Grupo Prisa. Logo de meses de incerteza, nos que o locutor estrela manexaba unha oferta de Onda Cero, a decisión parece estar tomada, segundo publican xa varios medios como El Mundo ou ABC.

De la Morena desligaríase da emisora na que entrou en 1981, xusto ao saír da facultade, e na que desde 1989 dirixe e conduce El larguero. O locutor, nacido en Brunete (Madrid) fai 59 anos, non deixa indiferente a ninguén e é tan admirado como odiado polos radioíntes.

Os rumores sobre a súa marcha acrecentáronse nos últimos meses. Non é a primeira vez que Onda Cero, onde todo o mundo dá por feito que acabará, lle fai unha oferta. Esta última parece ser a definitiva. Talvez tamén pesou na súa decisión a mingüa que sufriu no seu equipo de El larguero nos últimos anos, tras a marcha de pesos pesados como Pepe Domingo Castaño, Paco González ou Antonio Alcalá.

Na Ser xa soan varios nomes para relevar a De la Morena, como os de Dani Garrido e Carles Francino. A chegada do locutor a Onda Cero suporía a substitución de Héctor Fernández á fronte de Al primer toque.

Máis en Deporte General
Comentarios