Condenado a tres anos de cárcere Lorenzo Sanz por defraudar a Facenda

O expresidente do Real Madrid tamén terá que pagar unha multa de 1,2 millóns 

Lorenzo Sanz. EFE
photo_camera Lorenzo Sanz. EFE

A Audiencia Provincial de Madrid condenou a tres anos de prisión e ao pago dunha multa de 1,2 millóns de euros ao expresidente do Real Madrid Lorenzo Sanz por ocultar "de forma intencionada" case seis millóns de euros a Facenda nas súas declaracións da renda de 2008 e 2009. 

Nunha sentenza, á que tivo acceso Efe, o tribunal establece, ademais, que Lorenzo Sanz e a súa esposa deben indemnizar a Facenda na cantidade de 622.411 euros cada un. 

No fallo, o tribunal aplica a Sanz a circunstancia atenuante de reparación do dano xa que resarciu parte dos prexuízos ocasionados a Facenda a través de hipotecas constituídas sobre os bens dos seus fillos. 

Neste sentido, o tribunal sinala que "é obvio" que o expresidente do Real Madrid "moveu todos os fíos para facer fronte a esta responsabilidade de reparación do dano" e por iso considera esta circunstancia atenuante na actuación do acusado. 

Con todo, o fallo non tivo en conta as outras dúas circunstancias modificativas da responsabilidade penal que expuxo a defensa do acusado, isto é, a confesión dos feitos dos que se lle acusan e as dilacións indebidas da causa. 

No caso da primeira, os maxistrados aclaran que ao longo de toda a instrución non se produciu "confesión algunha" por parte do acusado, senón que este o fixo ao comezo do xuízo oral. 

"Unha confesión tardía", di o tribunal, que non pode aplicarse e que "viría xustificar outras manobras encamiñadas a suavizar unha condena como última arma de defensa".

Respecto da segunda, o tribunal sinala que non concorre dita circunstancia posto que a causa non sufriu "parón algún nas actuacións", senón que por circunstancias persoais do acusado producíronse "lixeiros atrasos na toma de declaracións" e chegouse a suspender ata en tres ocasións o xuízo.

Nas súas conclusións definitivas, a fiscal pediu cinco anos e seis meses de prisión para Lorenzo Sanz e solicitou que a súa esposa indemnizase a Facenda co seu marido, co que tiña réxime de gananciaias, ao estimar que resultou beneficiada e que as declaracións da renda os exercicios foron conxuntas.

A Sala condena unicamente á referida indemnización á esposa de Sanz xa que no seu caso descarta que ela coñecese o propósito defraudador do seu marido, así como que participase ou tivese capacidade decisoria na confección das declaracións tributarias relativas ao IRPF nos exercicios de 2008 e 2009. 

Máis en Deporte General
Comentarios