Un comité de expertos definirá a reactivación do deporte en Galicia

A creación deste ente vai encamiñada a suplir o "baleiro" que existe nas actividades menos maioritarias que carecen de acordos para a súa adaptación ás medidas que obriga a pandemia
Un balón de fútbol sala. JAVIER CERVERA-MERCADILLO
photo_camera Un balón de fútbol sala. JAVIER CERVERA-MERCADILLO

Un comité de expertos composto por autoridades sanitarias, federacións, agrupacións escolares e colexios de licenciados en educación física encargarase de definir a reactivación do deporte tras o parón provocado pola pandemia de coronavirus. 

A creación deste órgano recibiu o visto e prace do Consello da Xunta na súa reunión deste xoves, onde se aprobou a posta en marcha dunha entidade que terá por obxectivo analizar e implantar as medidas que permitan regresar a aqueles deportes que aínda non puideron facelo. 

En palabras do presidente autonómico, Alberto Núñez Feijóo, a creación deste comité vai encamiñado a suplir o "baleiro" que existe nos deportes menos maioritarios que carecen de acordos para a súa adaptación ás medidas que obriga a pandemia. 

O foro estará composto pola Fegamp, a Unión de Federacións Deportivas de Galicia, os grupos de traballo constituídos ao amparo do protocolo 'Fisicovid-DxtGalego', deportistas de alto nivel, agrupacións deportivas escolares, as universidades ou o Colexio Oficial de Licenciados en Educación Física e Ciencias da Actividade Física e do Deporte. 

Comentarios