O que era un rumor xa ten carácter oficial: Augusto Fernández, o internacional arxentino do Real Club Celta, é pretendido polo Atlético de Madrid, que presentou unha oferta formal ao club galego da que espera ter resposta antes de Noiteboa.
Toto Berizzo, adestrador olívico, expresou que o xogador é vital para o seu equipo, pero asegurou que entendería que Augusto desexase fichar por un conxunto como o Atlético de Madrid. "Iso é un soño para calquera", dixo.
Polo futbolista, que é propiedade tanto do Celta como do Vélez arxentino, poderíanse chegar a ofrecer 5 millóns de euros, unha cantidade que o equipo que preside Mouriño considera insuficiente pero que podería estar contemplada nunha cláusula especial de rescisión.