Aspas, sobre Sisto: "Se soubese que pasou con el, podería botarlle unha rifa ou axudarlle"

O xogador do Celta espera que a polémica situación do danés remate canto antes. "Ten moito que demostrar aínda", defende
Iago Aspas protesta unha acción nun partido desta temporada. BIEL ALIÑO (EFE)
photo_camera Iago Aspas protesta unha acción nun partido desta temporada. BIEL ALIÑO (EFE)

O capitán do Celta de Vigo, Iago Aspas, asegurou este domingo que non sabe "ao cento por cento" que pasou co danés Pione Sisto, quen aínda non se adestrou co equipo.

O dianteiro de Moaña explicou que os xogadores descoñecen a situación do internacional danés, quen segundo o presidente da entidade ten "un problema" e "non está a colaborar para resolvelo".

Sisto é o único dos 30 futbolistas –24 do primeiro plantel e seis do filial– que foran citados polo adestrador catalán Óscar García Junyent que non reanudou os adestramentos despois do parón pola crise sanitaria provocada pola Covid-19. O extremo foi sancionado economicamente polos dirixentes do Celta por saltarse o confinamento e por regresar a Dinamarca tras a declaración do Estado de Alarma en España.

"Nós non sabemos que pasou. Mandáronnos para facer as primeiras probas hai dez días. Como cada un ía individualmente a unha hora, non sei se foi ou non. Esperemos que o máis pronto posible estea connosco para gozar do seu fútbol. Ten moito que demostrar aínda", dixo Aspas durante a súa intervención en El partidazo de Movistar.

O capitán do Celta insistiu en que non sabe "o que pasou ao cento por cento". "Se o soubese, podería botarlle unha rifa ou axudarlle o máximo posible. É un mozo novo, que está fóra da súa casa e sempre é difícil para todos. Non sabe ben o idioma e tratamos de axudarlle entre todos", apuntou.

En canto á volta aos adestramentos, Iago Aspas recoñeceu que "ao principio sempre é un pouco dura, como cando comezas unha pretemporada". "Mañá –polo luns– comezamos unha nova semana, xa con máis compañeiros, e faremos algo máis de grupo", celebrou.

O atacante galego mostrou igualmente a súa "felicidade" polo regreso esta fin de semana da Bundesliga alemá, "aínda que sexa sen público".

"A verdade que poder gozar do fútbol é moi bonito para os que nos gusta moito", agregou.

En canto á continuación de LaLiga Santander, Aspas confesou que existe "un pouco de inquietude", pero asegurou que el está "tranquilo". De feito, é partidario de "volver o máis pronto posible".

Comentarios