O Arsenal despide o monfortino Francis Cagigao, descubridor de Cesc e Bellerín

O club comunicou 55 baixas na súa estrutura e remítese á crise económica xerada polo coronavirus
Francis Cagigao. EP
photo_camera Francis Cagigao. EP

O Arsenal anunciou este mércores a proposta de despedimento de 55 persoas do club debido á crise económica xerada polo coronavirus. Unha das razóns que alega o club para levar a cabo tal recorte é poder "manter o investimento no equipo". Entre os despedimentos propostos atópase o do monfortino Francis Cagigao, o membro máis lonxevo da secretaría técnica do club, onde levaba 24 anos. Como responsable de fútbol internacional foi o descubridor de numerosos talentos, como Cesc Fábregas ou Héctor Bellerín. 

O Arsenal nestes momentos atópase negociando a ampliación de contrato do gabonés Pierre-Emerick Aubameyang. "O noso obxectivo foi protexer os traballos e o salario da nosa xente durante todo o tempo que foi posible. Desafortunadamente, chegamos ao momento no que temos que propor 55 reducións de emprego", dixo o Arsenal nun comunicado asinado por Raúl Sanllehí, director de fútbol, e Vinai Venkatesham, director xeneral do Arsenal.

"Estas decisións tomáronse unicamente para asegurar que conseguimos que este club avance e para crear a correcta organización unha vez que pase o coronavirus, asegurando que temos os suficientes recursos para competir ao máximo nivel en Inglaterra e en Europa", engadiron.

Esta noticia chega despois de que a fin de semana o Arsenal levase a final da FA Cup, confirmando a súa participación en Europa a próxima campaña, o que supón un ingreso de máis de 40 millóns de euros para o club londiniense.

Máis en Deporte General
Comentarios