jueves. 28.10.2021 |
El tiempo
jueves. 28.10.2021
El tiempo

91-65. O soño da ACB voou no segundo cuarto

O Breogán, que sumou unha vantaxe de doce puntos no primeiro período, acabou esmagado por un Ourense impecable en defensa e moito máis efectivo ante o aro rival. Matulionis foi a principal referencia ofensiva lucense, fronte a un Suka-Umu imparable, que devolve ao COB á ACB tres lustros despois

O ascenso terá que esperar un ano máis. Un horroroso segundo cuarto, onde encaixou un parcial de 28-5, afundiu as expectativas do Breogán no quinto e definitivo partido da final da liga LEB. O premio, o ascenso á elite, á liga ACB, lévallo un Club Ourense Baloncesto (COB) que derrotou aos lucenses por un 91-65 que non admite discusión.

O quinto partido da serie tiña que ser tan disputado como o segundo, o terceiro e o cuarto, pero ao final acabou sendo un paseo militar, como o primeiro. E un Pazo Paco Paz ateigado como nas mellores ocasións da súa historia, viu como o Ourense volve á máxima categoría do baloncesto español.

Estatística do partido

Arroupado por uns mil afeccionados chegados desde Lugo, o Breogán fíxose co partido de saída. O cadro lucense chegou a porse con doce puntos de vantaxe (11-23). Pero era un espellismo. O COB apertou os dentes e, cunha defensa impecable, aos poucos foille dando a volta ao choque. Aos locais bastáronlles tres minutos do segundo cuarto para igualar (23-23), e aí acabouse o partido. A diferenza a favor do Ourense foise agrandando aos poucos, grazas á súa alta efectividade en ataque e o seu gran defensa. Os lucenses terán pesadelos durante moito tempo con Marcos Suka-Umu,  que anotou 24 puntos, repartiu sete asistencias e sumou 36 de valoración. Mentres, os referentes habituais no ataque breoganista, como Álex Llorca ou Dani López, desaparecían baixo a presión local. Só mantiveron o tipo Matulionis (14 puntos anotados, 10 de valoración) e Mc Ghee (13 anotados, 9 de valoración).

Ao descanso, un 43-28 xa sementaba a alarma. E a cousa empeorou. No terceiro cuarto, as diferenzas a favor do Ourense superaron os vinte puntos. Houbo unha pequena reacción breoganista, con dous triplos de Matulionis, pero o partido seguía pintando mal. No último período, a diferenza no marcador chegou a superar os trinta puntos (91-60 a 58 segundos para o final). A falta dun minuto, no medio da festa, a vantaxe era tan clara que incluso o adestrador local, Gonzalo García de Vitoria, deu tempo aos menos habituais.

Ao final, os ourensáns impuxéronse por 91-65 e certificaron o seu ascenso deportivo á máxima categoría do baloncesto español, logro que xa conseguiu o Ford Burgos como campión da liga regular.

O COB non pisa a ACB desde o ano 2001; o Breogán, desde o 2006. Os lucenses terán que esperar un ano máis: quizais toque no 2016, cando, xustamente, a entidade cumpre 50 anos.

A pesar da decepción, os xogadores do Breogán e o seu equipo técnico, con Lisardo Gómez á cabeza, foron aplaudidos polos seus. Realmente, houbo aplausos para todos, porque os afeccionados locais e os visitantes aplaudíronse entre si, nun espírito de confraternización que só rompeu, ironicamente, cando soou a estrofa do himno galego que fala do "fogar de Breogán".

91-65. O soño da ACB voou no segundo cuarto
comentarios