FICHA TÉCNICA

2-1. Gustavo Cabral déixalle en bandexa a quinta praza ao Athletic

O defensa arxentino caeu na 'trampa' de Aduriz, quen provocou un penalti e a expulsión do celeste. Os vigueses adiantáronse grazas ao seu bo fútbol pero cun home menos acabaron sucumbindo ante os leóns, que recuperan o tan ansiado quinto posto
Acción entre Cabral y Aduriz por la que el argentino fue expulsado con roja directa
photo_camera Acción entre Cabral y Aduriz por la que el argentino fue expulsado con roja directa

O Athletic Club remontou este domingo en San Mamés (2-1) a un Celta que se atopaba en inferioridade numérica e recuperou a quinta praza na clasificación da liga BBVA, a privilexiada posición que perseguen os dous equipos, ambos xa matematicamente europeos, para evitarse as previas de verán da Liga Europa.

O chileno Fabían Orellana abriu o marcador no minuto 13 para premiar o primoroso primeiro cuarto de hora do equipo galego; Aritz Aduriz, transformando un claro penalti que lle fixo Gustavo Cabral, empatou o choque no minuto 37; e, xa co Celta en inferioridade por expulsión de Cabral pouco despois do penalti, Raúl García completou a remontada local marcando desde o chan.

O tanto de Aduriz, que segue traballándose do mellor xeito posible a súa presenza na Eurocopa de Francia, é o número 36 que logra no que vai de tempada, o 34 co Athletic e o 18 no campionato ligueiro, onde volve ser o mellor goleador nacional.

O CELTA EMPEZA MANDANDO. O partido comezou celeste, celeste, cun recital do Celta tanto na recuperación do balón como na creación de xogo. O primeiro cuarto de hora foi un río de perdas locais con sucesivas ocasións visitantes, que xa puideron adiantarse no primeiro minuto de xogo.

Pero Aspas estivo demasiado premioso intentando buscar a Nolito nunha xogada que puido rematar el mesmo. Outra indecisión á hora de rematar, esta vez de Nolito, malogrou unha segunda oportunidade viguesa nunha xogada na que, no entanto, Orellana disparou lixeiramente alto e desviado buscando a escuadra.

Á terceira foi a vencida. Nova perda bilbaína no medio campo ante a presión galega e Marcelo Díaz atopa a saída de Orellana entre a desordenada defensa branquivermella. A conexión chilena finalízaa Orellana aproveitando o tempo e o espazo co que chegou ante Iraizoz para bater á meta local.

Aínda que remitiu no seu dominio, o Celta aínda se achegou un par de veces máis antes, Aspas ao bordo da área e un centro de Jonny que rematou Wass, antes de que o partido cambiase diametralmente.

O Athletic aproveitou a saída do campo de Marcelo Díaz para ser atendido logo dun choque con Beñat para empezar a achegarse con perigo á meta de Sergio. Así, Bóveda rematou ao pau en fóra de xogo e unha cabalgada de De Marcos acabou sen consecuencias.

ADURIZ, CLAVE. O encontro variou definitivamente de rumbo coa aparición de Aduriz, quen nun airiño igualou o marcador e deixou ao Celta en inferioridade numérica.

O ariete internacional, primeiro, foi obxecto dun claro penalti de Cabral, despois transformou, inapelable, a falta máxima e finalmente, protagonizou tamén a xogada na que Cabral, que lle tocou coa bota estando Aduriz no chan, viu o cartón vermello.

Na xogada do penalti, Aduriz baixou con mestría o pase por arriba que lle enviou á área Beñat e que lle deixou só ante Sergio. O que obrigou a Cabral a agarrarlle antes de que disparase.

A segunda metade comezou xa máis cara ao 2-1 que ao 1-2 ante a superioridade numérica do conxunto branquivermello. Que a punto estivo xa de logralo cun sorprendente disparo afastado de Raúl García que deu no pau e ameazou tamén con facelo nunha contra mal finalizada de Susaeta.

Aínda que si chegou o 2-1, marcado por Raúl García ao seu estilo. Sacando petróleo na pelexa no primeiro pau con Sergi Gómez tras centro de Williams. Houbo que ver repetida varias veces e desde diferentes ángulos a xogada para saber de onde sacou o pé Raúl para rematar o balón ás mallas.

Parecía que aí tiñan que acabar as hostilidades ante a superioridade bilbaína tanto no número de xogadores como no marcador, pero os do Toto Berizzo, exemplares, sacaron forzas de onde xa non as tiñan para asediar a área de Iraizoz e ata ilusionarse co 2-2 nun remate de Wass que rexeitou o navarro.

Non sacou proveito dese arreón final o Celta e foron os de Ernesto Valverde os que levaron tres puntos que se presumen claves na pelexa por unha quinta praza que xa toma claro cor branquivermella.

Máis en Deporte General
Comentarios