martes. 29.09.2020 |
El tiempo
martes. 29.09.2020
El tiempo

A Xunta estende o programa Cultura no Camiño a 149 municipios 

Ofrece 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia. Unha decena de concellos lucenses súmanse á lista na última adxudicación de axudas

O circuíto da Xunta Cultura no Camiño celebra ata o 15 de outubro a súa oitava edición, nunha versión ampliada que estende a súa programación a 149 municipios de toda Galicia no marco do plan autonómico de reactivación dos sectores cultural e turístico fronte aos efectos do Covid-19. 

Todos estes municipios son beneficiarios das subvencións convocadas pola Consellería de Cultura e Turismo para a contratación de espectáculos profesionais galegos ao amparo deste programa, que volve contar co patrocinio de Gadis

A web da Agadic recolle este xoves a quinta e última adxudicación destas axudas, para as que no pasado mes de xullo se reformularon as bases para abrirse a todos os concellos interesados en acoller esta programación, que en anos anteriores estaba centrada nos situados no Camiño de Santiago. Nesta quinta quenda de adxudicación aparecen dez municipios lucenses: Outeiro de Rei, Triacastela, Friol, Palas de Rei, Viveiro, A Pastoriza, Foz, O Valadouro, Monterroso e O Saviñao.

Para ampliar o programa, triplicouse a dotación da convocatoria, pasando de 230.000 a 750.000 euros e incorporando 70 municipios máis que en 2019. Deles, 38 súmanse por vez primeira nestes oito anos de traxectoria do circuíto. 

A falta de que os últimos concellos adheridos configuren as súas respectivas carteleiras, prevese que Cultura no Camiño + ofrecezca ao redor de 450 citas coa música, o teatro, o novo circo, a danza e a maxia producidos de xeito profesional en Galicia, tanto en espazos ao aire libre como en recintos pechados, e garantindo sempre as medidas de seguridade. 

Con iso, a Xunta busca impulsar a contratación de espectáculos galegos, así como contribuír á dinamización cultural dos municipios da comunidade, especialmente dos de menor poboación. De feito, dos 149 concellos participantes, 140 contan con menos de 20.000 habitantes. 

A Xunta estende o programa Cultura no Camiño a 149 municipios 
comentarios