Xosé Manuel Seivane, iniciador da saga de gaiteiros e artesáns, celebra o seu 90 aniversario

Cecebre atópase de celebración polo aniversario dun dos seus veciños máis ilustres: Xosé Manuel Seivane. Trátase do primeiro de toda unha saga de persoas ligadas á música tradicional en todas as súas facetas. Xosé Manuel, o avó; Álvaro e Xosé Manuel, os fillos; Susana, Saínza e Roberto, os netos; son parte do mesmo xenealóxico, decorado en negro granadillo, vermello coco-bolo, ou beige buxo, a madeira que identifica as gaita en Galicia.

Deste Xosé Manuel, as facetas musical e artesanal estiveron ligadas dentro da familia: na interpretación, co propio Xosé Manuel e Susana Seivane como expoñentes e na artesanía, onde as tres xeracións comparten horas de traballo ou gozo no obradoiro.

Vai para 72 anos que Xosé Manuel construíu o que agora se podería considerar o primeiro dos instrumentos artesanais Seivane. Por aquel entón Xosé Manuel vivía no seu Fonmiñá natal (concello da Pastoriza) e pretendía cumprir o seu soño de construír o seu propio instrumento, xuntando na súa persoa a sensibilidade e oído musical e bo facer artesanal que lle transmitiron nai e pai, respectivamente. Foi a confluencia destas dúas destrezas a que fixo que as súas gaitas fosen mellorando en canto a afinación e rematado.

Liderado na evolución

A familia Seivane é responsable, xunto a outros artesáns, da mellora que a gaita experimentou no último terzo do século pasado. Grazas a esta evolución conseguíronse instrumentos case xemelgos, o cal facilita a tarefa da afinación.

Deste xeito, púxose en mans do gaiteiro a posibilidade de interpretar á perfección xunto a outras gaitas ou instrumentos, cousa que outrora resultaba realmente complicado.

O acto

Por todo isto este sábado o Obradoiro de Gaitas Seivane organiza unha festa que homenaxeará un dos personaxes clave para a cultura galega e que marca o inicio de varias xeracións ligadas á historia da gaita.

Comentarios