Unha web permite escoitar os primeiros sons gravados en Galicia

O Consello da Cultura Galega dixitalizou 25 discos de pizarra, o soporte previo ao vinilo, con audios do gaiteiro Manuel Dopazo ou da lírica de Ángeles Ottein e Ofelia Nieto, entre outros

Proxecto 'Lousas'. AEP
photo_camera Proxecto 'Lousas'. AEP

Chamáronse discos de pedra ou de pizarra, polo composto terroso e escuro, que lembraba os encerados de colexio, pero en realidade estaban integrados por goma, resina, celuloide, lousas ou capas de papel. As lousas desapareceron coa chegada dos vinilos e gravaban un máximo de catro minutos en cada cara. O Consello da Cultura Galega, a través do seu Arquivo Sonoro de Galicia, garda este material que está dispoñible na rede.

'Lousas' é un proxecto web que conta con 25 unidades representativas de todo o fondo sonoro. "Nesta primeira selección hai una mostra da diversidade dos contidos: hai música tradicional, están algunhas das grandes voces da lírica galega, hai exemplos de diferentes procedencias e de diferentes épocas" explicou Pujales.

No portal está a primeira gravación sonora galega que se conserva, a do coro Aires d'a Terra de Pontevedra de 1904; pero tamén rexistros do gran gaiteiro da emigración galega Manuel Dopazo; composicións como 'Alborada' ou 'Negra Sombra' interpretadas polas voces líricas máis salientables da época como Ángeles Ottein ou Ofelia Nieto.

En España as primeiras gravacións en pedra datan de 1899 e prolónganse ata finais dos anos 50

Periodicamente a web actualizarase con novas lousas coa intención de difundir mostras do patrimonio musical histórico que garda este arquivo.

Este fondo sonoro chega ao Arquivo Sonoro de Galicia principalmente por adquisición, aínda que tamén hai doazóns, como unha lousa do himno galego realizada pola Banda Municipal de Barcelona de 1919. O Consello da Cultura Galega encargou a dixitalización dese patrimonio, que se garda nunhas condicións medioambientais óptimas.

En España as primeiras gravacións en pedra datan de 1899 e prolónganse ata finais dos anos 50. Rexistrábanse en pequenas casas de gravación sonora, sitas nas principais cidades como Barcelona, Madrid ou Valencia. A evolución das técnicas de gravación en vinilo en 1948 e cinta magnética remataron cos gramófonos e retiraron da circulación este tipo de soportes. O patrimonio sonoro galego rexistrado en pedra tivo unha dobre presenza: a través dos discos producidos no territorio español e das producións sonoras impulsadas pola emigración radicada nos países americanos.

Comentarios