Voces de hoxe e sempre

A agrupación de cantareiras Irimia, composta por dúas rapazas de Meira e unha de Castro, naceu no ano 2011 e xa percorreu escenarios de toda a provincia
Integrantes de Irimia Cantareiras.
photo_camera Integrantes de Irimia Cantareiras.

Despois de pasar meses xuntas cantando e tocando a pandeireta, unha das súas afeccións compartidas, Naír García, Noemi Basanta e Raquel Mel déronse conta de que dos seus encontros esporádicos podería xurdir unha agrupación musical exitosa. Así, no 2011 constituíronse como Irimia Cantareiras e comezaron a levar as súas voces de hoxe, con cánticos dos de sempre, por escenarios e festivais de toda a provincia.

«A ausencia de grupos deste tipo no contorno animounos a tomalo máis en serio, e niso seguimos traballando», asegura a moza de Castro de Ribeiras de Lea Naír, que se reúne de cando en vez coas súas amigas de Meira para ensaiar novos temas, recuperar pezas que cantaban os seus avós ou familiares e musicar poemas e outros escritos.

Irimia está integrada no programa da Deputación de Lugo Musiqueando, e dará concertos pola provincia durante o verán

«Entre o noso repertorio as cancións que máis gustan ao público son as que recollemos dos nosos antecesores. ‘Sonín’ ou ‘A muliña’ son das que máis triunfan», sinalan as cantareiras, que ademais de poñer voz á tradición tamén sacan fermosos sons as súas pandeiretas, pandeiros, pandeiras e, incluso, introducen tamén a guitarra nalgunhas das súas composicións.

A gran maioría dos coñecementos que teñen sobre a música galega conseguíronos dun xeito autodidacta, se ben, recoñecen que ademais asistiron a cursos de cultura e música tradicional. «Intentamos absorber a pouca tradición que hai neste eido na provincia de Lugo, que non se caracteriza por ter moi arraigado o uso da pandeireta, pero tamén doutros puntos de Galicia», precisan as integrantes de Irimia.

E polo momento ese traballo constante de aprendizaxe non lles foi mal, xa que conseguiron actuar en festivais de Ribadeo , na Pontenova e tamén en Castro de Ribeiras de Lea ou na sesión vermú das patronais de Duarría, en Pol ou Meira.

«Agora formamos parte do programa Musiqueando da Deputación de Lugo, algo que nos axuda moito a darnos a coñecer. Esperamos ter un verán repleto de actuacións», soñan as mozas, que tamén están inmersas na preparación dun acompañamento de instrumentación tradicional para musicar un poema de Avelino Díaz.

Comentarios