martes. 30.11.2021 |
El tiempo
martes. 30.11.2021
El tiempo

"Virtudes estaría orgullosa dos premios, pero mantería a coiraza"

Xesús Fraga. ADRA PALLÓN
Xesús Fraga. ADRA PALLÓN
Xesús Fraga viviu en Lugo de xuño a xuño, de 1995 a 2001; hai vinte anos. Volveu este luns como Premio Nacional de Literatura, Blanco Amor e Premio da Crítica galega pola novela Virtudes, na que conta a épica da súa avoa na emigración en Londres

Houbo un tempo en que o escritor e xornalista Xesús Fraga continou visitando Lugo porque a súa cuñada residía nel. "Agora levaba tempo sen vir". Este luns volveu para presentar a novela Virtudes (e misterios) (Galaxia).

Podería acusalo de ter esquecido Lugo. Sería xusto?
Aínda que levaba tempo sen vir síntome conectado emocionalmente a Lugo. Ten unha escala humana na que podes moverte por todas partes sen percorrer grandes distancias. Outra cousa é que teñas que ir da Tolda a Garabolos, que hai unha tirada. Lugo é amigable. Gústame a paisaxe urbana, pasear pola Muralla, Campo Castelo, os edificios racionalistas, o paseo do Miño… Gústame ir atopando xente, saudando.

Vive en Betanzos, que tamén ten esa dimensión de ser unha vila paseable e próxima.
Vivo no casco histórico. Ser xornalista dache acceso a moitas capas da sociedade, a facerte unha imaxe da vida na cidade. Estás en contacto co escritor, co sindicalista, co conselleiro… Xa sei que é un tópico, pero de Lugo boto de menos como se come. Cando marchei tiña o colesterol alto.

Que ve ao espertar?
Agora estamos de mudanza. Viviamos no casco histórico. Vendemos e compramos unha finca e imos facer unha casa. Alugamos un piso na Praza da Constitución. Cando me ergo abro as contraventás e vexo a casa consistorial, a igrexa de Santiago e Pazo de Bendaña, onde está Facenda. Vexo o poder político, o relixioso e o económico.

Agora é Premio Nacional de Literatura. Que pensa ao espertar?
O Premio Nacional é unha noticia de absorción lenta. Cada día ten unha dimensión distinta. Multiplícase a atención sobre o libro, multiplícase a atención sobre o que escribes e multiplícase a atención da xente que te para pola rúa. Isto confirmoume que o tempo da escrita non foi malgastado e confírmame como escritor. A recepción do próximo libro será maior. Non podes deixar que che condicione a creación, aínda que cha condicidiona.

"Había xente que nos reprendía a miña nai e a min por falar entre nós en inglés"

Virtudes (e misterios): Premio Nacional de Literatura, Premio da Crítica de Galicia, Premio Blanco Amor... e os recoñecementos que quedan por chegar. Como se enfronta vostede á próxima novela?
Teño dúas ideas. Unha novela cunha saga familiar dende o século XIX ata hoxe na que Lugo tería un papel importante. A outra idea sería unha novela de relacións familiares, xeracional; sobre a nosa relación co diñeiro. Estou na fase de pensar os libros, de tomar notas. Non teño claro o que vou escribir.

Non se decide por escribir unha ou outra historia porque teme defraudar?
Non. É máis ben saber que partido lle podo sacar. A novela do século XIX require máis documentación e a xeracional, máis imaxinación.  A novela da saga significa máis lecturas, máis hemerotecas, buscar fotos antigas…

Publicou Virtudes traducido ao español nunha editorial pequena de Zaragoza. Recibiu chamadas para que as súas novelas anteriores aparezan publicadas en castelán?
Houbo tres editores que se interesaron, pero aínda non falaron comigo.

A súa avoa Virtudes, na que se basea a trama do libro, xa faleceu. Que pensaría ela de que o seu neto gañe estes premios tan destacados coa súa biografía novelada?
Estaría contenta, pero revestiría esa alegría cunha coiraza de brusquidade. Ela regaloume moitos libros. Sendo xa maior, regalounos 1.000.000 de pesetas ás miñas curmás e a min. Fomos ao seu banco, metín a miña parte no pantalón e leveino ao meu banco. Os premios son agasallos que me segue facendo Virtudes. Débolle moito.

A súa avoa materna foi o motor e o centro da súa familia a pesar de que vivía en Londres e vostedes en Betanzos.
Foi o motor de toda a familia, tamén dos netos. Era ineludible. Chamaba dende Inglaterra de cando en vez. Eu pasaba os veráns alí. Tiña moita personalidade. Era excepcional.

As familias galegas xiran arredor dun núcleo do que non se afastan  en toda a vida.
O meu pai quedou orfo sendo un adolescente, o meu avó materno desaparecera, a miña avoa materna estaba emigrada en Londres… Os meus compañeiros de Betanzos chegaban o luns á clase e dicían que estiveran "na aldea vendo os avós". Eu preguntábame: "Que é iso da aldea? Onde viven os avós?". A miña aldea era Londres, que era onde estaba a miña avoa. Pero non me sentía só. Había unha conexión familiar moi intensa cos meus tíos e as miñas tías e tamén coa miñas curmás.

"A miña aldea era Londres, que era onde estaba a miña avoa"

A súa nai faláballe en inglés tanto en Londres como cando regresaron a Betanzos, tendo vostede cinco anos de idade.
A miña nai tiña a idea de que o inglés era crucial para o acceso ao traballo e á cultura dende que chegou a Londres. Nos anos 60 e 70 a cultura británica estaba desenvolvida. Tiña museos, pinacotecas, o Museo Británico… Ela tivo esa fe en que saber inglés era positivo. Quixo ser mestra e non puido estudar. O inglés permitiulle dar clases, impartía pasantías na casa. Eu vivín cinco anos en Londres, fun á escola e os meus referentes eran británicos. Despois de volver, cando eu era pequeno, reprendíalle por falarme en inglés. Había xente que nos criticaba por falar en inglés, que nos chamaban a atención. Berrábannos: "¡Estamos en España!". Eu sentíame mal por culpa daquela censura social. A miña nai seguiu falándome en inglés e eu empecei a falarlle en español.

"Virtudes estaría orgullosa dos premios, pero mantería a coiraza"
comentarios