Villares: «Galicia é unha nación cultural creada por labregos e a elite relixiosa»

O catedrático de Historia falou en Lugo sobre o seu novo ensaio, Identidade e afectos patrios, no que reflexiona respecto do país

De esquerda a dereita, Lourenzo Fernández Prieto, Ramón Villares e Lois Caeiro. SEBAS SENANDE
photo_camera De esquerda a dereita, Lourenzo Fernández Prieto, Ramón Villares e Lois Caeiro. SEBAS SENANDE

LUGO. Domingo Fontán foi o primeiro en definir Galicia nun mapa, hai douscentos anos. Onte, mentres se anunciaba que se lle dedicará o Día da Ciencia en Galicia, Ramón Villares presentaba en Lugo "Identidade e afectos patrios", un ensaio no que delimita o país dende o punto de vista da cultura política.

O catedrático de Historia e presidente do Consello da Cultura Galega trata de explicar o que foi Galicia e, sobre todo, o que debería ser neste conxunto de textos editados por Galaxia e que presentou onte na libraría Trama axudado polo director de El Progreso, Lois Caeiro, e polo tamén catedrático de Historia Lourenzo Fernández Prieto.

Ramón Villares emprendeu este volume con intención de «ofrecer unha visión» do país dende un punto de vista da «cultura nacional galega», que evitase outros máis transitados, como «o organizativo, o doutrinal ou político».

Salienta que esa visión se achega máis ás últimas correntes da historiografía. Unha segunda finalidade era introducir nos estudos sobre Galicia «unha perspectiva máis crítica e máis comparativa».

A súa tese parte de que «Galicia é unha nación cultural europea feita dende abaixo e mantida pola comunidade campesiña en alianza cunhas elites eclesiásticas fortes». Unha vez que esa nación cultural acada unhas características que permitirían levantarlle un mapa, aparecen «unhas elites románticas e postrománticas que tratan de converterla en nación política». Villares pon como exemplo de «cultura que se transformou en Estado» a Alemaña e de «Estado que se converteu en nación», a Francia.

O catedrático lembrou que «non hai historia sen territorio» nin sen unha «acción humana máis ou menos intensa» sobre el. Con esa base introduciu a idea de que «Galicia é un territorio altamente humanizado, con comunidades sólidas» dende os primeiros tempos, no que «a Igrexa tivo un papel organizador moi forte», ao que se sumou a influencia poderosa da inmigración.

Aínda que non o aborda en "Identidades e afectos patrios", o catedrático de Historia recoñece a necesidade de facer unha parada analítica para explicar un fenómeno único como é a evolución desa forte identidade ancestral que se transformou «no nacionalismo panteísta e europeísta de Nós» para volver virar nos anos 60 noutro «que se separa da tradición» consonte o que acontecía en Europa e América Latina baixo o liderado da UPG e outras forzas.

O ensaísta ratifica que no pasado recente do país houbo unha «disociación entre a nación cultural e a política,unha rutura». Os feitos son que a pretensión do nacionalismo de Risco, Otero Pedrayo ou Castelao «de usar a nación cultural para crear unha nación política» veuse modificada «por unha primeira viraxe de Galaxia», á que sacudiu a aspiración de «liberación nacional» que empuxou o último nacionalismo de esquerdas. A maiores de catalogar ese proceso, Villares entende que falta por argumentar o motivo polo que esta terceira vaga galeguista «non conectou coa sociedade».

Sen embargo, o centro dereita acertou con esa conexión dende o principio da autonomía porque centrou o seu discurso «no humus galego». «Foron capaces de artellar de modo complexo ese humus que é Galicia», indica o ensaísta que resume a intención do seu libro nunha frase: «Quo vadis, Galicia?».

Comentarios