"Os Coira de Letras" –como os chamou Xulio Xiz, o presidente do grupo fotocinematográfico Fonmiñá– tiveron este sábado "un subidón" similar ao que experimentaba Jorge cada vez que chegaba a Semana de Cine de Lugo e viña desde o seu Rábade natal a sacar entradas e ver todas as películas que podía.
"Lembro, de neno, que cando chegaba a Semana de Cine era, para min, o gran momento do ano porque compraba as entradas e vía tres películas todos os días. Aquelo era, para min, un subidón cheo de enerxía, de historias, de paixón, de emocións... Deixábame exhausto", afirmou o cineasta Jorge Coira, momentos antes de descubrir a placa do Paseo de Cine que leva o seu nome e o do seu irmán, Pepe, nun de tantos actos de homenaxe que recibiron estes días co gallo da Semana de Cine de Lugo, organizada por Fonmiñá. Un evento celebrado no Parque da Milagrosa, na antiga Frigsa, no que tamén estivo presente súa nai, Amparo.
"De neno, cando chegaba a Semana de Cine era o gran momento do ano... Era un subidón cheo de enerxía", lembrou Jorge Coira
O guionista Pepe Coira tamén falou e fíxoo, como seu irmán, desde o corazón agradecendo, unha vez máis, esta homenaxe. "É un pouco inxusto que te premien polo que tanto che gusta facer. Máis ben debería ser ao revés: que te premiasen por algo que che custa sacrificio e non polo que fas porque che gusta e porque non sabes facer outra cousa. Polo demais, encántame que esta homenaxe se faga nun parque e de camiño ao Auditorio aínda que temos aí dous novos auditorios pendentes, tanto en Lugo como en Rábade e o día que se abran haberá dúas novas pantallas", afirmou Pepe Coira.
No acto, tomou palabra tamén a alcaldesa de Rábade, Remedios González, que defendeu que os Coira son "patrimonio" do seu concello. "Non podo ser imparcial con estes irmáns porque lles teño moito cariño. Lembro que Jorge dixo nalgunha entrevista que comezou a afeccionarse ao cine cando o agasallaron cunha cámara pero eu creo que tampouco foi así porque, quizais, xa empezou a gustar da cine cando faciamos proxeccións nas instalacións da asociación cultural e viamos as películas naqueles bancos de madeira tan incómodos. Esa maxia algo tiña que ver, sen dúbida algunha", dixo a alcaldesa.

Remedios González remarcou a arte que teñen todos os irmáns, tanto os de Letras como os de Ciencias. "Tres deles son visibles pero os outros tamén teñen moita arte aínda que non se dediquen ao cine nin ao teatro", asegurou a alcaldesa de Rábade.
Agradeceu tamén que os Coira tivesen a Rábade "como punto de referencia" nos seus traballos. "Gravaron alí e agora gravan polo mundo adiante pero, para min, estes irmáns non son galegos, nin siquera son de Lugo. Son de Rábade nada máis! Son patrimonio de Rábade. E Rábade inflúe en todo o que fan ou en case todo. Vendo os seus traballos penso moitas veces: Iso sóame de por aquí. E vendo o éxito que teñen seguro que recibirán moitas máis estrelas que esta que se lles dedica aquí", dixo Remedios González, que rematou a súa intervención cun "moitas grazas, rabadenses".
A concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, tamén tomou a palabra e dixo, respecto a Jorge e Pepe Coira, que "fixeron moito por que o cine galego traspase fronteiras" e agradeceu tamén que, a través dos seus traballos, "se poida ver cine e literatura na nosa lingua".
Tamén foi descuberta a placa ao actor pontevedrés que protagonizou tantas películas do spaghetti western, Eduardo Fajardo. Na súa representación, acudiu ao acto o tenente de alcalde e concelleiro de Cultura de Meis, Manuel Piñón, quen agradeceu esta homenaxe da Semana de Cine de Lugo e recordou que este actor, aínda que nacido en Meis, "pasou toda a vida en México".
O presidente do grupo fotocinematográfico Fonmiñá, Xulio Xiz, fixo de mestre de cerimonias do acto pero, ao mesmo tempo, tamén dedicou unhas palabras de agradecemento aos Coira. "Agradécese a súa entrega, a súa inocencia, o seren como son porque foron os únicos homenaxeados que nos acompañaron toda a semana", dixo.
Paseo
Tamén fixo referencia á denominación, non oficial, do Paseo do Cine. "Non o aprobou o Concello pero unha placa na entrada do parque lembra este nome que lle puxemos", manifestou.