Vázquez Pintor, 'Letra E' da Asociación de Escritores

logoAELG_dentro.jpg
photo_camera logoAELG_dentro.jpg

A Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG) outorgará este ano a sua Letra E a Xosé Vázquez Pintor. Así se aprobou na Asemblea Xeral de Socios que se celebrou en Santiago e na que se presentou unha proposta de actividades para este ano, informou o presidente Cesáreo Sánchez.

Por outra banda, a Asociación Sociopedagóxica Galega recibirá a homenaxe Os Bos e Xenerosos na segunda quincena de marzo pola súa traxectoria de "máis de 25 anos na defensa do ensino en galego".

A Letra E entregarase nun acto de homenaxe que se celebrará en Melide, terra natal do autor, o vindeiro 7 de xuño. Dentro deste acto, o escritor é honrado coa Letra E, coa plantación dunha árbore simbólica elixida polo autor e coa inauguración dun monolito conmemorativo ou dun espazo público co seu nome.

Recoñecemento a unha carreira consolidada
De Vázquez Pintor salientan os seus colegas non só o feito de ser "gran poeta e narrador", senón tamén unha traxectoria "longa e consolidada" con "importantes froitos". Nado en 1946, o escritor exerce como profesor de Ensino Medio en Pontevedra e desenvolve a súa actividade cultural en diferentes eidos. Como poeta, ten publicado 'Gándaras', 'Terra e pan', 'O espertar tamén é noso', 'Ofidios de diario', 'Na vertical da noite', 'No corazón mancado', 'Rotazón violeta' e 'Banzados'.

De narrativa, asinou as obras 'De ida e volta', 'Lume de biqueira', 'Quen faga voar' e 'A memoria do boi', e de ensaio, 'Os vellos oficios' e 'A tribo sabe'. Tamén cultivou o teatro con 'A fraga encantada', 'A sombra da memoria' e 'Teatro do patacón'. A Letra E virá sumarse a outros galardóns como o Eduardo Pondal, o Cidade de Ourense, Esquío, Uxío Novoneyra, Carvalho Calero, Torrente Ballester e mesmo o Premio da Crítica Española.

Deste xeito, recollerá o bastón de remuda de Manuel Lourenzo, homenaxeado pola AELG o ano pasado, e pasará a formar parte dunha nómina de autores como Avilés de Taramacos, Bernardino Graña, Manuel María, María Xosé Queizán, Xosé Neira Vilas, Luz Pozo, Xosé Chao Rego e Salvador García-Bodaño. Ata o de agora, a Letra E só foi entregada a título póstumo nunha ocasión, en homenaxe ao poeta Uxío Novoneyra.

Cea das Letras
Na tradicional Cea das Letras, que se celebrará na última fin de semana de abril, a AELG entregará os galardóns á literatura galega nas categorías de infantil e xuvenil, narrativa, poesía, tradución, teatro, ensaio e traxectoria xornalística. Nesta mesma velada, a AELG distinguirá a Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia "polas súas importantes achegas á existencia dun teatro galego".

Tamén a poeta cubana Nancy Morejón será distinguida co Premio Internacional da AELG 'Escritor Galego Universal', co que o colectivo pretende recoñecer os autores cunha obra e personalidade de alto contido ético e estético que sirva de referente para o seu pobo na defensa da dignidade nacional e humana.

Neste caso, Morejón é ademais de escritora, unha "dinamizadora cultural, estudosa da literatura afrocubana e defensora infatigable dos dereitos da muller", que ten realizado ensaios sobre a mestizaxe na literatura.

Comentarios