Unha procesión de ánimas camiñará pola Muralla de Lugo para celebrar Samaín

Unha procesión de ánimas camiñará durante a noite do día 31 de outubro polo adarve da Muralla romana de Lugo -declarada Patrimonio da Humanidade pola UNESCO- e irá deixando cabazas iluminadas con velas en diferentes puntos do monumento, con motivo da celebración da festa celta do Samaín.

Lugo celebrará por primeira vez o Samaín, unha antiga festa que marcaba o final do verán e o inicio do ano celta antecesora do halloween, que se celebraba para honrar a recollida das últimas colleitas e o regreso dos rabaños aos cortellos, pero que tamén estaba vinculada co "retorno dos mortos ao mundo dos vivos durante esa noite máxica".

A recuperación desta antiga celebración celta é unha iniciativa da Concellería de Cultura e Turismo do Concello de Lugo, que dirixe o nacionalista Antón Bao, en colaboración con catro asociacións culturais da cidade especializadas no mundo castrexo: 'Trebas Galaicas', 'Caetra Lucensium', 'Lugdunum' e 'Lucus Equites'.

Na presentación do programa de actos destes festexos, que contempla actividades gratuítas nas prazas da Soidade, da Milagrosa e de Augas Férreas, entre os días 29 e 31 de outubro, Bao recordou que o Concello de Lugo busca atraer a turistas á cidade durante a ponte festiva.

"Os turistas van a lugares onde pasan cousas, porque o que é imprescindible dotar de contido ás visitas, non só co patrimonio histórico e gastronómico que temos, senón tamén con actividades de lecer que acheguen a nosa cultura a todos aqueles que nos visitan, dunha forma activa e participativa", explicou.

Bao tamén recordou que "a través do cine e das modas chégannos festividades foráneas como o Halloween americano, que curiosamente ten as súas raíces na cultura celta, así que celebrar o Samaín é algo tan sinxelo, pero fundamental, como recuperar os nosos ritos".

Os días 29 e 30, nas principais prazas do centro histórico, haberá talleres de cabazas, recortables de papel e maquillaxe para os máis pequenos, pero tamén se celebrará o "ritual de vivos e mortos" e haberá varias sesións de contos "de medo".

O luns, día 31, á parte dos talleres, o ritual e as sesións de contacontos, tamén se celebrará o 'Conxuro da Queimada', ás dez e media da noite na Praza da Soidade, e unha procesión de ánimas colocará cabazas iluminadas polo adarve da Muralla.

O fin de festa correrá a cargo do grupo de música celta 'Milesios', que actuará a partir das once da noite, tamén na Praza da Soidade.

Comentarios