Un dicionario e un documental recordarán o centenario de Luís Seoane

Un día antes de cumprirse 100 anos do nacemento de Luís Seoane, a fundación que leva o nome dun dos artistas galegos máis importantes de sempre, presentará un dicionario e un documental sobre a súa figura. Será o mércores 30, nun acto ao que acudirán varios dos autores de ambas as publicacións.

O 'Dicionario Seoane', con preto de 100 entradas, constitúe a primeira obra de referencia sobre o pintor, gravador e escritor. Os encargados da súa elaboración foron Xosé Díaz, tamén responsable do deseño, o escritor Xavier Seoane e o presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares. Cualificado como un fito pola Fundación Luís Seoane, desentraña as claves que o converteron nunha referencia artística, cultural e do pensamento galego.

Así, coa vocación de distanciarse "do catálogo ao uso", recolle a influencia na obra de Seoane de Pablo Picasso, de Fernand Léger e do expresionismo alemán, os seus proxectos editoriais, o peso dos seus amigos, a experiencia en Sargadelos, o seu compromiso político e a vida na emigración, entre outros aspectos cruciais na produción do prolífico artista nacido en Buenos Aires en 1910, aínda que regresado a Galicia aos seis anos de idade.

Comentarios