Tanxugueiras lanza este venres 'Averno', a súa primeira colaboración con Rayden

O tema, que se acompaña dun cinematográfico videoclip, formará parte do novo disco das pandeireteiras, que se publicará neste 2022
Tanxugueiras e Rayden no videoclip 'Averno'. ROCÍO CIBES
photo_camera Tanxugueiras e Rayden no videoclip 'Averno'. ROCÍO CIBES

Tanxugueiras publicará Averno, o seu novo sinxelo, o venres 28 de xaneiro. O tema, que formará parte do seu novo disco, é a primeira colaboración que Sabela Maneiro, Aida Tarrío e Olaia Maneiro gravan co rapeiro madrileño Rayden, con quen participan esta semana na primeira edición do Benidorm Fest.

Averno nace como unha declaración de intencións respecto a un sentimento común: a rabia. A expresión e liberación da mesma é o eixe que vertebra unha canción na que, como é habitual no repertorio das Tanxugueiras, parte da tradición para outorgar ás sonoridades urbanas un especial protagonismo; ademais de conxugar lírica de creación propia e popular.

O tema, editado por PlayPlan Cultural e Calaverita Records, publicarase na medianoite do venres 28 nas principais plataformas dixitais acompañado dun videoclip dirixido por Trece Amarillo, e que supón a creación audiovisual máis cinematográfica das presentadas até o momento polas cantareiras. O vídeo, cuxo teaser amosou o grupo a través das redes sociais, estrearase logo da finalización da segunda semifinal do Benidorm Fest.

Precisamente Tanxugueiras e Rayden atópanse esta semana na localidade alicantina para participar na primeira edición do certame organizado por RTVE, no que a banda ou artista gañadora participará no mes de maio en Eurovisión. Mentres que as pandeireteiras presentarán ao vivo Terra na noite do mércores 26 (22:40 horas, Palau d'Esports L'Illa de Benidorm), o madrileño actuará na segunda semifinal o xoves 27. A final terá lugar no mesmo recinto o sábado 29 de xaneiro.

El cartel en el centro de Madrid. TWITTER

Coa intención de espallar o apoio a Tanxugueiras e dar a coñecer a súa candidatura, PlayPlan Cultural e Calaverita penduraron este luns 24 unha grande lona no centro de Madrid, na rúa Alcalá, coa foto das pandeireteiras. A faixa fai unha chiscadela ao público de fóra de Galicia sobre a correcta pronunciación do seu nome –Tanchungueiras?– á vez que destaca a frase Non hai fronteiras, unha das máis coñecidas do seu single Terra.

Novas datas de directos na Xira Midas

Nesta mesma xornada Tanxugueiras anunciou a través das súas redes sociais a súa incorporación ao cartel da nova edición do Festival Río Babel, que se celebrará do 1 ao 3 de xullo en Madrid. As cantareiras compartirán xornada de directos o venres 1 cunha das grandes sensacións musicais do momento, C. Tangana. Rayden, Residente e Dani Martín completan os primeiros nomes que se dan a coñecer da cita, cuxas entradas xa están á venda.

O grupo anuncia unha nova parada da súa nova xira 'Midas', que terá lugar o 1 de xullo no Festival Río Babel, en Madrid, e no que comparte cartel con C. Tangana, Residente, Rayden e Dani Martín

A cita no Río Babel é a cuarta parada que Tanxugueiras dá a coñecer da súa xira Midas, que comezará o 26 de marzo na Coruña (Sala Pelícano) e o 1 de abril en Vigo (Hall do Auditorio Mar de Vigo), concertos nos que o público esgotou as entradas en menos de 10 horas. A terceira data será o Festival SanSan, en Benicàssim, que se celebrará do 14 ao 16 de abril.

Comentarios